O Cisne busca romper a súa mala serie na cancha dun "camaleónico" e "irregular" Benidorm
Por Redacción
Dez xornadas sen gañar, nas que o empate fronte ao Guadalaxara foi a única nota positiva, dan forma á mala serie na que leva sumido o Cisne desde o mes de outubro do pasado ano. Pero co inicio da segunda volta e unha enfermería que se baleirou un pouco, os de Javier Márquez esperan cambiar a dinámica. Non tiveron opción a semana pasada contra o Anaitasuna, pero este sábado (20.30 h) buscarán a vitoria na cancha do Benidorm
"É un equipo que está nunha situación cómoda, en metade de táboa, pero están a ter unha tempada moi irregular, perdendo partidos que a priori debería sacar adiante", destaca o segundo adestrador branco, Marcos Otero, sobre un rival que este ano disputa competición europea.
Sobre o estilo de xogo do rival, o técnico destaca a súa versatilidade defensiva. "Son camaleónicos", sinala Otero para poñer en valor a súa capacidade para alternar defensas pechadas ou abertas ao seu antollo. En ataque tamén teñen un selo propio, afán atacar con sete para xerar superioridade numérica e aproveitar a súa fortaleza no un contra un e no lanzamento afastado.
Un factor que pode resultar diferencial é o cansazo. Os locais disputaron partido de competición europea entre semana e no Cisne esperan que "paguen" o esforzo e poidan regresar a Pontevedra cos dous puntos debaixo do brazo. Non sería a primeira vez que derrotaran ao equipo da Comunidade Valenciana, na primeira volta no Municipal inauguraron a súa marcadora de vitorias contra o rival desta fin de semana.
Con todo, o Cisne tampouco chega no seu mellor momento. Ademais da mala serie de resultados, Márquez non poderá contar cos lesionados Cavalcanti nin Diego López, que será intervido este venres de menisco.
O TEUCRO QUERE FUXIR DO DESCENSO
O Teucro recibe este sábado ao Bueu Atlético ás 20 horas no Municipal co obxectivo de conseguir unha vitoria que lle permita poñer máis terra polo medio coa zona de perigo da clasificación e asentarse en media táboa xunto ao equipo morracense, que marcha en décima posición con dous puntos de vantaxe sobre o conxunto azul.