O Cisne sucumbe ante un demoledor Anaitasuna (26-33)
Por Almu Dapena
O Club Cisne Balonmán, a pesar dos reforzos invernais de Calin Dedu e Dani Serrano, non comezou ben a segunda volta de Liga Asobal e caeu por 26-33 contra o Helvetia Anaitasuna no Pavillón Municipal.
Os brancos empezaron ben o encontro, chegando mesmo a coller dúas rendas de dous goles na primeira metade, pero nun visto e non visto apagáronse en ataque e estiveron nove minutos sen anotar, instantes nos que os vascos se mostraron intratables cun xogo rápido e contragolpes cos que encarrilaron o triunfo.
Comezou o duelo igualado, coas defensas e os gardametas ben entonados que permitían un escaso parcial anotador de 4-4 aos 10 minutos de xogo.
Pero en dous chispazos do Cisne, un en ataque cun 'alley oop' de Chan e outro cun rápido repregamento defensivo e o seu posterior golazo de Furtado, provocaron a primeira brecha no marcador e os brancos puxéronse con dous tantos de vantaxe (6-4).
Reaccionou Anaitasuna, que mesmo puido igualar o partido, pero Killian Ramírez estivo moi atento e detivo o lanzamento desde os sete metros de Álvaro Gastón, impedindo a reacción rival e permitindo aos seus seguir mantendo esa pequena vantaxe.
Durou pouco a alegría dos Javier Márquez, que tras ir en dúas ocasións con dous goles de diferenza, sucumbiu ante os rápidos ataques dos vascos, que foron de menos a máis para enchufar un parcial de 0-5 que obrigaba ao técnico local a parar o tempo (8-11).
O Cisne seguía sen ideas en ataque, incapaz de anotar e cometendo erros mesmo nos pases que Anaitasuna castigaba unha e outra vez con senllos contragolpes. Só Carlos Álvarez, desde os sete metros e tras nove minutos, conseguía romper a seca goleadora dos seus, que aínda non daban coa tecla en tarefas defensivas e só o seu gardameta impedía que a sangría fose maior (9-15).
Alcanzáronse así os últimos 5 minutos da primeira metade e o ritmo cisneísta cambiou completamente. Kilian seguía ao seu e entre Furtado, Carlos Álvarez e o recentemente chegado Dani Serrano aceleraban a reacción do seu equipo cun parcial de 3-0. Con todo, foi un mero espellismo, e a pesar dos intentos dos brancos de mandar o partido ao descanso coa menor distancia posible, o Anaitasuna anulounos por completo e devolveu a renda de seis goles (12-18).
Defendeu ben o Cisne o primeiro ataque rival do segundo tempo e Furtado forzaba un sete metros que Carlos Álvarez transformaba no seu quinto gol da tarde. Anotaba Ibai Meoki e Javi Vázquez devolvía o golpe con outro lanzamento desde a liña de sete provocado polo de Cabo Verde, que estaba a ser un furacán nestes primeiros instantes (14-20).
Pero os visitantes non mostraban ningún tipo de fisura e tiñan o envite controlado. O Cisne, pola contra, non tiña o día e volvíase apagar, castigado una outra vez polos vascos, que reaccionaban e encarrilaban aínda máis o triunfo cando facían o 15-24 que de novo obrigaba a Javi Márquez a parar o cronómetro.
O tempo morto tivo o efecto desexado e, a pesar de estar cun menos sobre a cancha pola exclusión de Conde, os de Lérez apuraban as súas últimas opcións coa entrada de Arboleya e recortaban as distancias (19-24).
Esta vez era Quique Domínguez o que detiña o partido, o Cisne parecía que regresara e Mateo Arias facía o 20-24. Pero Javi Castro rexurdía, botábase ao equipo encima e atopaba solucións para frear a reacción branca, asistindo e anotando para devolver a tranquilidade aos seus (22-28).
Produciuse a partir de aí unha repartición de golpes en ambas as porterías coas que se alcanzaron o últimos cinco minutos. Reduciron os brancos a diferenza unha vez máis a catro goles (26-30), cando aínda quedaba tempo para sacar algo positivo, pero Anaitasuna, secundado polo seu gardameta Marcos Cancio, sentenciou finalmente e fíxose coa vitoria por 26-33.
Antes do encontro, os persoais de Cisne, Anaitasuna e o cadro arbitral fíxose unha foto de familia coa pancarta da AECC con motivo do Día Mundial Contra o Cancro.
Consulta as estatísticas do partido nesta ligazón
Relacionadas:
-
O Cisne papou o León (43-32)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Cisne perde no último minuto contra o Sinfin tras ir gañando durante todo o partido (21-20)
Por Almu Dapena |
-
O Cisne afronta un partido "case a vida ou morte" en Cantabria contra o Sinfín
Por Manu Otero |
-
O Benidorm exhíbese contra o Cisne (32-27)
Por Almu Dapena |
-
O Cisne busca romper a súa mala serie na cancha dun "camaleónico" e "irregular" Benidorm
Por Redacción |
-
O regreso da liga Asobal trae ao Municipal ao Anaitasuna de Quique Domínguez
Por Manu Otero |
-
"A permanencia está na túa man", lema da campaña de socios do Cisne para a segunda volta
Por Manu Otero |
-
Cruz para o Cisne, que puido obrar unha remontada heroica no último segundo (32-33)
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Kilian Ramírez, o heroe dun Cisne que quedou a un palmo do triunfo en Guadalaxara (24-24)
Por Almu Dapena |