O Mace Sport brilla no Campionato de España de Taekwondo
Por Diego Espiño
O taekwondo pontevedrés tróuxose unha boa colección de medallas do Campionato de España celebrado o pasado fin de semana en Mariña d'Or, Castellón.
Os maiores éxitos corresponderon ao Mace Sport, cun total de cinco metais grazas aos ouros de Xián Silva en categoría júnior de -73 quilos e María Domínguez tamén en júnior de -59 quilos, a prata do equipo de exhibición cadete e os bronces de Sara Cortegoso en júnior -46 e por equipos en categoría júnior feminina, sendo quintos na modalidade de exhibición sénior.
Os éxitos pontevedreses completáronse coa medalla de prata cadete de -57 quilos para o deportista do Taekanart Nicolás Argibay.
Por outro lado a caldense Lúa Piñeiro, nas filas do Natural Sport de Ribeira, proclamouse subcampioa sénior na categoría de -67 quilos.
Para finalizar a competición, a propia Lúa Piñeiro, xunto á taekwondista do Mat's de Marín Katia Calvar, formaron parte do equipo galego que se adxudicou a Copa do Rei en TK-5, mentres en categoría masculina Galicia finalizou segundo tamén con representación do Mat's por medio de Pablo Fernández.