A familia granate homenaxea a Fernando Castro Santos
Por Redacción
A familia do Pontevedra Club de Fútbol reuniuse este venres no Hotel Campañiola para celebrar o tradicional reencontro entre ex xogadores durante os máis de 80 anos de historia do club.
Exfutbolistas, exdirectivos, afeccionados e representantes actuais do club como a presidenta Lupe Murillo, reuníronse nesta ocasión para homenaxear a un granate ilustre como Fernando Castro Santos, histórico xogador e adestrador do equipo granate na década de 1980.
Tras a súa estancia en Pasarón, relacionouse coa elite do fútbol español, onde adestrou ao Compostela, ao que levou de 2ªB a Primeira, ao Celta ou ao Braga nas máximas categorías dos seus países. Tamén foi técnico de clubs históricos como o Sevilla, o Tenerife ou o Córdoba en Segunda División.
A súa última experiencia nos bancos foi co conxunto granate, aceptando de forma altruísta o complicado reto de tentar salvar a un Pontevedra en crise económica e institucional do descenso a Terceira División. Non acabou a tempada e o equipo acabou perdendo a categoría.
O programa desta celebración incluíu unha misa en recordo aos granates falecidos ás 13:00 horas na Peregrina, para despois desprazarse ao Hotel Campañiola, en Campañó, para degustar todos xuntos un típico cocido galego. A presidenta do Pontevedra tamén entregou a Fernando Santos unha camiseta co seu nome.
Hoxe celebrouse no Hotel Rural Campaniola a homenaxe ao ex xogador e adestrador Fernando Castro Santos. Compañeiros, directivos e afeccionados de moitas épocas do club quixeron acompaña ao 'Nécora' neste merecido recoñecemento #HaiQueRoelo pic.twitter.com/2IxW9F6IaC
— Pontevedra CF (@PontevedraCFSAD) February 24, 2023