Fomento do deporte cunha carreira para o alumnado de secundaria
O alumnado do Ciclo Superior en Ensino e Animación Sociodeportiva do IES Sánchez Cantón organizou este mércores 1 de marzo a primeira “Carreira Interescolar Sánchez Cantón vs Valle Inclán” en Pontevedra. Esta competición realizouse entre as 10:00 ás 14:00 horas e contaron coa participación dos estudantes da ESO do IES Sánchez Cantón e do IES Valle Inclán nas categorías de feminino e masculino dos catro cursos de secundaria.
O percorrido realizouse nos arredores da Alameda de Pontevedra. Ocupáronse espazos como a rúa principal da Alameda e o parque das Palmeiras. Nesta competición participaron un total de 900 estudantes e a finalidade da mesma é promover a realización de deporte e ofrecerlle ao alumnado unha mañá diferente e divertida.
A entrega de premios realizouse ao acabar cada categoría. Unha das alumnas comentaba que "foi duro, pero estivo guay". Os estudantes explicaban que estaban nerviosos, contentos e con ganas de que houbese outra carreira para repetir a experiencia. Na entrega de premios da categoría de 2º da ESO, asistiu o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores e o deputado de Deportes Gorka Gómez Díaz.
As gañadoras do segundo curso foron: co primeiro posto do instituto Sánchez Cantón, Noelia Quiñones; a segunda clasificada foi Candela Maciel do IES Valle Inclán e o terceiro posto acaparouno Carlota Vázquez do Sánchez Cantón. Os gañadores de 2º da ESO foron, no primeiro posto Francisco Cortizo, do Sánchez Cantón; o segundo clasificado foi Mateo Fuentes, do Valle Inclán, e o terceiro premio obtívoo Guillermo Piñeiro, do Sánchez Cantón.