O Farto pon a proba o seu potencial para o calendario internacional na primeira proba da Copa de España
Por Redacción
O equipo profesional de ciclismo feminino de Pontevedra, Farto-BTC, afronta un mes de marzo cargado de carreiras por toda a xeografía española que servirá para alcanzar un estado de forma óptimo para a parte "máis intensa do ano", que chegará nos meses de abril e maio.
O conxunto pontevedrés estivo durante os meses de xaneiro e febreiro dacabalo entre Alacante, Valencia e Almería buscando condicións climáticas idóneas para adestrar á vez que competían nas tres primeiras probas internacionais do ano. Finalizado ese período, o equipo regresou a Pontevedra para seguir cos adestramentos grupais e individuais.
Esta fin de semana, tanto o primeiro equipo como o seu filial teñen previsto desprazarse á localidade cántabra de Noja para participar na primeira proba da Copa de España da tempada: o Gran Premio Cantabria Deporte.
Para o equipo UCI será un exame no que poñerán a proba o seu estilo atacante. "Sen necesidade de obter un resultado na clasificación final, só utilizar estas carreiras de nivel nacional para preparar movementos e situacións de carreira para as probas do calendario profesional europeo, que teñen un salto de nivel importante", informan desde a dirección deportiva da entidade.
Con todo, para o filial será a primeira carreira do ano e servirá para saber cal é o nivel da escuadra, que se toman esta carreira como unha primeira toma de contacto coa competición para as novas promesas do equipo.
En total, quince ciclistas do conxunto pontevedrés tomarán a saída en Noja: seis do Farto-BTC UCI e nove do equipo filial. A Copa de España ten previsto o seu comezo o domingo ás 10.30 horas da mañá sobre un trazado de case 90 quilómetros.
Relacionadas:
-
Ariadna Gutiérrez logra un meritorio 15º posto para o Farto-BTC na Volta a Estremadura
Por Redacción |
-
Triplo top 10 para o Supermercados Froiz nunha intensa fin de semana
Por Manu Otero |
-
O Team Farto participará en maio na Volta a España feminina
Por Redacción |
-
O Farto segue sumando quilómetros nun prometedor inicio de tempada
Por Redacción |
-
O Farto completa a primeira proba dunha tempada na que aspiran a ser protagonistas
Por Redacción |