Pontevedra acolle o Campionato de España de Baile Deportivo Standard 2023
O Pabellon Municipal dos Deportes será o escenario deste campionato, que está organizado pola Federación Española de Baile Deportivo en colaboración co Concello de Pontevedra e a Escola de Baile PonteBaile. O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, presentou este xoves o evento xunto ao presidente da Federación, Luís Vañó, e á codirectora de PonteBaile, Noemi Abal.
O campionato celebrarase os días 10, 11 e 12 de marzo, e estímase que unhas 3.000 persoas pasarán pola localidade lerezana ao longo da fin de semana. Tino Fernández fixo unha valoración moi positiva respecto diso, afirmando que o deporte en Pontevedra ten unha gran importancia en relación á actividade económica da cidade.
"Este ano imos ter eventos deportivos de altísimo nivel. Para nós, eventos como este teñen un compoñente de actividade económica moi importante", afirmaba o edil, que quixo poñer en valor a capacidade da cidade de Pontevedra á hora de acoller campionatos deportivos de primeiro nivel.
Doutra banda, o presidente da Federación Española, Luís Vañó, aseguraba que a Federación "tiña unha certa débeda" facendo referencia a Adrián Esperón, codirector de PonteBaile, ao ser, probablemente, a parella que máis títulos de Campión de España ten na categoría Standard, polo que vía "de obrigado cumprimento" organizar un Campionato de España en Pontevedra.
Outro dato para destacar polo presidente da Federación en relación ao recente 8 de marzo é que o 70% dos participantes son mulleres, algo que os enche de orgullo. Vañó quixo terminar a súa intervención animando a xente a asistir ao evento, apuntando que "o baile é alegría, o baile é relación".
A codirectora de PonteBaile, Noemi Abal, explicou que haberá xente de todas as idades participando no campionato, desde os máis pequenos duns 7 anos, ata a categoría senior, explicando que os máis maiores tamén poden acceder ao baile e gozar del sen correr riscos.
Relacionadas:
-
O Municipal convértese nunha gran pista de baile
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
A gran final das World Series de tríatlon de Pontevedra suman máis de 30 rexistrados en menos de 24 horas
Por Redacción |
-
800.000 euros, cifra das axudas que o Concello destinará este ano ao deporte local
Por Redacción |