A ximnasta Melania Rodríguez triunfa na Copa Galicia de trampolín
Por Redacción
O pavillón vigués das Travesas acolleu esta fin de semana a décimo terceira edición da Copa Galicia de Trampolín. Un evento no que participaron decenas de ximnastas de todas as categorías durante tres días de intensa actividade competitiva.
A máis destacada do campionato foi a ximnasta pontevedresa Melania Rodríguez, que segue preparando o seu asalto aos Xogos Olímpicos de París na modalidade de trampolín. A lerezana volveu demostrar que é a principal expoñente galega desta disciplina dominando con puño de ferro todas as competicións nas que participou.
Na que máis destaca é no dobre minitramp. Un concurso no que subiu ao máis alto do podio cunha nota de 25,40, un rexistro que supera en case tres tantos á súa inmediata perseguidora e compañeira de equipo, Alejandra Braña.
Tamén se colgou a medalla de ouro nunha modalidade na que no circuíto internacional non acaba de mostrar tanta regularidade pero cuxa bagaxe lle bastou para coroarse como a mellor ximnasta de Galicia. No trampolín, Melania Rodríguez subiu ao máis alto do podio cun mellor exercicio de 54,28 puntos, moi por encima da segunda clasificada Valentina Podesta con 50,79.
Entre os representantes do club Ximnasia Pontevedra destacou tamén a actuación de Aintzane Dapena, vencedora en categoría sénior feminina na modalidade de tumbling.