Ter Stegen iguala co Barcelona un rexistro de Cobo co Pontevedra do 'Hai que Roelo'
Por Diego Espiño
Xusto nun momento no que as opcións do Pontevedra Club de Fútbol de permanencia na Primeira RFEF afástanse pola sangría de goles encaixados nas dúas últimas xornadas, un dato relativo ao seu bo facer defensivo na época do 'Hai que Roelo' volveu a saír á luz.
Fíxoo porque Ter Stegen, o porteiro alemán do Fútbol Club Barcelona, acaba de igualar un dos últimos récords que aínda mantén o mellor equipo granate da historia, aquel que asombraba na Primeira División.
Ao deixar a súa portería a cero esta fin de semana fronte ao Atlético de Madrid no Camp Nou, Ter Stegen igualou os dous únicos equipos da historia que encaixaran só dous goles nos seus 15 primeiros encontros como local dunha tempada. Un era o Córdoba do curso 64-65, e outro o Pontevedra da 68-69.
Con José María Cobo na portería, aquel Pontevedra adestrado por Héctor Rial baseou a súa permanencia na elite (descendería o ano seguinte) cunha espectacular fortaleza cando xogaba no Estadio Municipal de Pasarón. De feito eses 15 partidos correspóndense á tempada completa, un ano no que só o Elche (0-1) e o propio Barcelona (0-1) lograron converter un gol a beiras do Lérez.
A xeira positiva de Cobo ascende a dous encontros máis, os últimos da tempada 67-68 nos que deixou a portería a cero, xa que a 69-70 iniciouse cun 0-1 ante o Granada.
O Pontevedra terminaría a tempada 68-69 no duocédimo posto da táboa con 27 puntos, dous por encima do descenso.
No que respecta a Ter Stegen e ao Barcelona, no que vai de liga só tivo que recoller o balón da súa propia meta en dúas ocasións, fronte ao Espanyol (1-1) e Real Madrid (2-1), coa particularidade que aínda restan oito xornadas para finalizar a competición, das que catro se xogarán no feudo blaugrana podendo alongarse o seu espectacular rexistro para pasar a encabezar esta estatística en solitario.
Relacionadas:
-
Falece Neme, lenda do 'Hai que roelo' e único internacional español absoluto na historia do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Loito no Pontevedra CF: Falece Cholo, eterno capitán e símbolo do Hai que Roelo
Por Diego Espiño |
-
O Rayo Vallecano, sucesor do 'Hai que roelo' 56 anos despois
Por Diego Espiño |