Importante baixa para o Teucro, que perde a Juan Bar ata febreiro
Por Diego Espiño
Juan Bar non volverá xogar co Teucro polo menos ata o mes de febreiro, despois de operarse con éxito dunha lesión de menisco que arrastraba dende os primeiros partidos da tempada.
O porteiro arxentino, aproveitando a viaxe ao seu país tras ser convocado para xogar dous partidos amigables co combinado nacional, decidiu pasar polo quirófano con permiso do club para solucionar os seus problemas.
Bar foi sometido a unha artroscopia o pasado día 27 realizada por un médico da súa confianza e non se espera a súa volta a Pontevedra ata os últimos días de xaneiro, polo que Javier Barrios non poderá contar cun dos piares do seu equipo nos primeiros partidos do ano.
O teucrista perderase, polo menos, os encontros ante Barcelona B, Pozoblanco e Zamora, deixando a responsabilidade de defender a portaría azul en mans de Cadilla, quen xa realizou un bo papel no último partido de 2013 ante o Torrelavega.
VOLTA AOS ADESTRAMENTOS
O resto do plantel do Teucro volveu este martes ao traballo tras o parón do Nadal, tempo no que tiveron que seguir un plan individualizado ordenado polo técnico.
Barrios preparou unha mini-pretempada para chegar nas mellores condicións ao primeiro partido de 2014, previsto para o día 18 de xaneiro ante o Barcelona B a domicilio.
Ata entón os azuis someteranse a un adestramento diario, sen descanso o fin de semana, que se completará coa disputa da Copa Deputación, cuxo primeiro partido disputarase na noite do mércores.
Na primeira rolda o Teucro quedou emparellado co Granitos Ibéricos Carballal, eliminatoria que xogará a partido único e a domicilio.
En caso de gañar a intención do club pontevedrés é xogar a segunda rolda o próximo mércores. Sería ante o Seis do Nadal, que venceu ao Luceros de Cangas.
Os outros dous equipos da cidade, Balonmán Pontevedra e Cisne, quedaron emparellados nesta competición co Chapela e o Balonmán Lalín respectivamente.