O Asmúbal Meaño despídese do soño do ascenso
Por Redacción
Final de tempada agridoce para o Asmúbal Meaño. Despois de terminar a fase regular en segunda posición e clasificarse para a fase de ascenso, as de Meaño despídense do soño de xogar o próximo ano en División de Honra Prata ao caer na primeira rolda do playoff fronte ao Mislata.
As do Salnés tiñan a difícil misión esta tarde de remontar os 14 tantos de desvantaxe cos que terminaron o partido de ida no pavillón de Dena. E non houbo milagre. As verdes volveron encaixar unha avultada derrota na cancha do Mislata, que venceu con claridade por 32-16.
O partido estivo igualado ata o ecuador do primeiro tempo, no que as locais xa tiñan vantaxe no marcador pero o Meaño aínda presentaba batalla. Con todo, as locais apertaron o acelerador no tramo final da primeira parte para sentenciar o partido e acabar coas poucas esperanzas de remontada das visitantes (20-13).
No segundo tempo, as visitantes trataron de terminar o partido da forma máis honrosa posible e gañar experiencia para volver tentar o ascenso o próximo ano. Aos poucos, o Mislata foi ampliando a súa vantaxe ata pechar o partido cun contundente 32-16 no marcador.