O día en que Pep Guardiola puido ser adestrador do Pontevedra

Por Ramiro Espiño
Está de moda. Tras o 4-0 do Manchester City ao Real Madrid e a exhibición futbolística do seu equipo, poucos son os que aínda dubidan de Pep Guardiola, mentres a inmensa maioría do mundo do fútbol apunta ao técnico de Santpedor como un xenio e quizais un dos máis influentes e mellores adestradores da historia.
Pero o que quizais moi poucas persoas saiban é que a carreira como adestrador de Pep Guardiola estivo nun tris de comezar en Pontevedra e no Pontevedra CF. Rumores houbo na cidade do Lérez respecto diso, pero nunca confirmados por testemuñas directas. Ata o de agora, en que contaremos con detalle o sucedido entón e as causas polas que finalmente a oferta, tentadora naquel momento, foi rexeitada polo técnico catalán.
Corría a tempada 2006/2007. O Pontevedra, presidido por Nino Mirón, tiña no banco a Alberto Argibay. O "idilio" inicial entre presidente e adestrador foise rompendo por mor da dolorosa eliminación fronte ao Sevilla B (2005/2006) e un titubeante comezo lixeiro na campaña posterior, na que se alternaban refachos ilusionantes con outras que espertaban serias dúbidas de que se puidese conseguir o obxectivo de regresar á categoría de prata.
Ademais diso, o club granate, que reunira un plantel de luxo, descubrira unha "perla" nun novísimo xogador de Portonovo, Fran Rico, que apuntaba alto, pero ao que a terquedade de Argibay relegaba a minutos residuais (e ás veces nin iso), facendo caso omiso ao clamor popular e directivo que pedía a súa titularidade.
Así, tras caer pola mínima fronte ao Rayo Vallecano, máximo rival polo título, en Vallecas, Argibay salvou o cargo cun refacho de cinco vitorias consecutivas, que lle devolvían o liderado cun punto de vantaxe sobre o Rayo, pero con altibaixos preocupantes no xogo. E veu unha nova fochanca. Empate en Pasarón ante o Talavera, derrota en Fuenlabrada, vitoria agónica sobre o Leganés na casa, outra derrota na visita ao Atlético de Madrid B e empate en Pasarón fronte ao Celta B, estes dous últimos en posicións de descenso, que levaron aos granates a ceder o liderado quedando a cinco puntos do Rayo Vallecano.
Ese empate fronte ao Celta B fixo que Nino Mirón dixese basta e tomase a decisión: Argibay debía ser cesado. Era o 4 de marzo de 2007. Ao finalizar o partido, Mirón e un grupo moi reducido de persoas da súa confianza, dirixíronse ao Restaurante La Casa de las 5 Puertas, en Pontevedra. Alí, no seu reservado, baralláronse nomes de posibles candidatos ao banco. E púxose sobre a mesa o de Pep Guardiola.
Queríase apostar por un técnico cun pasado brillante como xogador, aínda que non dispuxese de experiencia nos bancos. Guardiola finalizara uns meses antes a súa etapa como xogador en activo, cun breve periplo en México, tras o cal regresara a Madrid, onde completou e obtivo o título de adestrador.
O contacto telefónico realizouse esa mesma noite, coa mediación do ex-xogador do Celta e Barcelona, Quique Costas, que por entón dirixía a canteira azulgrana e que lle falou marabillas a Guardiola da cidade do Lérez e do club granate. Ao de Santpedor gustoulle a proposta, pero pediu unha hora para consultar coa familia. Debían realizar un novo traslado, co colexio dos nenos xa empezado en Barcelona, e iso inclinou a balanza cara o non. Deu as grazas polo ofrecemento, pero rexeitouno e no mes de xuño de 2007 era presentado como técnico do filial do Barcelona, que estaba en Terceira división e ao que ascendería. O resto, é historia.
Esa mesma noite, seguiuse buscando opcións para os granates. Preto da media noite saltaba o nome doutro ilustre, Luís Milla, coa mediación dun histórico granate como José Ramón Fuertes, entón no corpo técnico do Valencia. Tampouco puido ser, pois tiña un compromiso para a tempada seguinte. Iso salvou o posto de Argibay esa noite e impediu ao Pontevedra ter nas súas filas a un adestrador de lenda.
Non veu Guardiola, tampouco Luís Milla. O triunfo apurado fronte ao pechacancelas Racing de Santander B, lonxe de tranquilizar os ánimos, convenceu máis aos dirixentes e afeccionados de que Argibay estaba amortizado. Durante a semana todo apuntaba a que, por fin, o técnico daría a titularidade por vez primeira a Fran Rico no seguinte partido en Lanzarote (18 de marzo de 2007), pero nas Illas Canarias, Argibay seguiu teimudo e sorprendeu deixando novamente á "perla de Caneliñas" no banco e sacándoo cando tras comezar gañando (gol de Charles), o cadro canario (tamén en postos de descenso), remontara poñéndose 3-1.
Ese cambio, realizado no minuto 88, provocou un cabreo monumental de Nino Mirón e da inmensa maioría da afección, que o tomaron como un reto chulesco, e ao regreso a Pontevedra o cesamento consumouse, e con el a chegada de Javi Gracia ao banco, quen se encargaría de confiar a titularidade, por fin, a un Fran Rico que cada xornada demostraría a súa calidade, logrando o primeiro posto ao final de liga, con seis puntos de vantaxe sobre o Rayo, aínda que tampouco nesta ocasión conseguísese o obxectivo final do ascenso.
Relacionadas:
-
O Pontevedra regala os tres puntos a un Badajoz que quere manter a categoría (1-0)
Por Almu Dapena |
-
Emotiva homenaxe a Manolo Barreiro no 'rebautismo' do complexo da Xunqueira: "É o fútbol en maiúsculas"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
VÍDEO.- Os tempos escuros do Pontevedra nos noventa, un exemplo de "Resistencia"
Por Manu Otero |
-
O Pontevedra e Charles ratifican o seu compromiso
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Para lembrar as xestas do Pontevedra... 'primeiro hai que vivilas'
Por Redacción |
-
75 anos granates ben merecen un regreso ás Palmeiras
Por Redacción & Diego Torrado |