Cinco xogadores do Spartak de Moscú recupéranse das súas lesións en Pontevedra
Por Redacción
Cinco xogadores do Spartak de Moscú, equipo situado no terceiro posto da Liga Premier de Rusia a un punto do líder, prepáranse no Centro de Rehabilitación e Fisioterapia Miguel Domínguez de Pontevedra para afrontar a pretemporada de inverno, que comezará o próximo 20 de xaneiro. Trátase do brasileiro Rómulo, o italiano Bocchetti, o ruso Brysgalov, o alemán Tasci e o armenio-americano Movsisyan.
Todos eles acoden cada tarde á Unidade de Deporte desas instalacións, acompañados polos preparadores físicos do equipo, os españois Luís Casades e Eduardo Domínguez, así como polo fisioterapeuta do club, Diego Mansalvo, para realizar traballos de fortalecimento muscular e tratamento fisioterápico que facilitarán a recuperación das lesións sufridas por estes xogadores e limar as súas molestias.
Os deportistas recupéranse de varias operacións de menisco (catro deles) e dunha rotura do ligamento cruzado anterior. Segundo explicou o preparador físico Luís Casais, "quixemos adiantar a rehabilitación destes xogadores para que cheguen ao ritmo adecuado para o inicio da pretemporada o 20 de xaneiro en Abu Dabi".
Casais defende que Pontevedra é un lugar idóneo para a preparación para a pretemporada. "Temos un clima fresco e boas condicións para adestrar no exterior, algo imposible en Moscú agora mesmo. Pontevedra é un sitio tranquilo e a alimentación tamén é excelente", sinala e destaca que o centro de rehabilitación "ofrécenos unhas instalacións moi boas xa que dispón duns equipamientos top na preparación física".
As referencias sobre as dotaciones do Centro de Rehabilitación e Fisioterapia chegáronlle da man do seu coordinador, Félix Fernández Cao, compañeiro de Luís Casais e Eduardo Domínguez no grupo de investigación Hi20 da Universidade de Vigo, creado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.