Aventuras, diversión e moitos obstáculos na oitava edición da Gladiator Race
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
Pontevedra gozou este sábado dunha nova edición da Gladiator Race, a carreira de obstáculos na que 1.400 participantes tiveron que completar máis de 8 quilómetros (Warrior) ou 5 quilómetros (Rocket) cos seus pertinentes trampas que tentaron superar correndo, reptando, saltando e mesmo nadando.
Nunha tarde na que acompañou o bo tempo, os rexistrados gozaron dunha xornada lúdica e deportiva acompañada de amigos, familiares e compañeiros de equipo, ademais de toda a xente que se congregou na zona para gozar do espectáculo e insuflar ánimo aos numerosos valentes.
O percorrido partiu da Illa das Esculturas a partir das 16:00 horas e saída dos participantes da categoría elite. Quince minutos máis tarde foron tomando a saída o resto de rexistrados en intervalos de 15 minutos ata finalizar ao redor das 21:00 horas.
Pero non o tiveron nada fácil... Dirixíronse pola marxe do Lérez cara a Ponte das Palabras, percorreron o parque do miradoiro de Monte Porreiro, baixaron cara á praia fluvial, ao parque Tafisa e regresaron cara á Illa das Esculturas, sorteando todo tipo de obstáculos que consistiron en escalar paredes, saltar por encima de tubos, rubir por cordas ou redes, pasar debaixo de obstáculos como os camións cedidos polo exército ou cruzar o río correndo sobre inestables colchóns.
Como novidade, esta edición contou con cinco obstáculos novos, un deles deseñado polo grupo de elite da Garda Civil e que chegou desde Logroño.
Na matinal deste domingo será a quenda dos máis pequenos e os seus familiares coa modalidade Kids.