A Epic Race celebra a súa sétima edición
Por Redacción
O reto ciclista non-stop máis esixente da provincia, a Epic Race de Pontevedra, chegou esta fin de semana á súa sétima edición coa participación de 200 persoas que percorreron de maneira individual ou en equipos de dous ou tres persoas os 200 ou 300 quilómetros das dúas modalidades que ofrece a competición.
A proba de ultra resistencia está guiada cpor GPS e con tráfico aberto, pasando polos municipios de Pontevedra, Redondela, Meaño, Cambados, Meis e Caldas. A diferenza da última edición, na que o trazado discorreu principalmente por localidades do interior da provincia, este ano GlobalDXT, empresa organizadora, deseñou un percorrido que mestura tramos de monte con pasos por zonas costeiras.
O bocinazo de saída produciuse ás 8:00 horas do sábado 10 de xuño desde o Paseo de Montero Ríos en Pontevedra. Desde alí foron a redondela, onde terminou a primeira etapa, a seguinte na Fracha, a terceira, en Meaño; e a cuarta, en Cambados. Ao chegar á capital do albariño, os participantes na modalidade de 200 quilómetros iniciaron o camiño de regreso a Pontevedra para terminar a súa participación. A proba tivo un límite de 18 horas. Pola súa banda, os máis valentes tiveron que percorrer tres etapas máis: primeiro para dirixirse a Meis, logo a Caldas e, finalmente, a Pontevedra. O tempo límite foi de 28 horas.
O campión individual da carreira máis esixente foi Bruno Miguel Rosa, do Vasconha BTT Vouzela, que completou os 300 quilómetros nun tempo de 14 horas, 42 minutos e 07 segundos. O podio completárono os dous corredores do RS Bikes, Nuno Crus e Joel António Pinho Silva, que cruzaron á vez a liña de meta a 26 minutos do líder.
Na proba de 200 quilómetros, o gañador foi Marcos Parga, do MTC Team, que marcou un tempo de 11 horas, 10 minutos e 56 segundos para facerse co primeiro posto. Segundo foi David González, do Castropol Deporte (+11) e terceiro chegou Yago Souto, do Mosqueteiros (+37:26). Natividad Conde, do BTT Trotacumes, foi unha das dúas mulleres que participou na proba e completou a carreira en 16 horas, 17 minutos e 41 segundos.
Finalmente, o trío de Casa do Povo de Abrunheira, formado por Bruce Teixeira, Filipe Campos e Ricardo São Marcos, foi o equipo máis rápido en completar os 300 quilómetros (12 horas, 58 minutos e 06 segundos), mentres que os seus compañeiros Fabio Pedrosa e Darío Pereira foi a parella gañadora da carreira de 200 quilómetros (9 horas, 5 minutos e 16 segundos).