A carreira Ponle Freno acelera cara a unha nova edición en Pontevedra con máis de 600 deportistas rexistrados
Por Diego Espiño
Pontevedra volverá ser parada este ano do circuíto de carreiras populares Ponle Freno, iniciativa de concienciación pola seguridade viaria impulsada polo grupo Atresmedia e a Fundación Axa.
A cita pontevedresa, que foi presentada oficialmente este martes, terá lugar o sábado 24 de xuño.
Trátase dun evento solidario, e é que o custo das inscricións (5,50 euros para os adultos e gratuítas para as carreiras de menores de idade) será destinado integramente á asociación Stop Accidentes.
"Quero facer un chamamento a todos os veciños da comarca para que asistan, é moi importante sensibilizar sobre a seguridade viaria", sinalou na presentación o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado de representantes das entidades organizadoras e do campión do mundo de maratón Martín Fiz, embaixador do circuíto e que cualificou o percorrido pontevedrés de "muy bonito, muy chulo".
A carreira, cunha versión curta de 5 quilómetros e unha longa de 10 quilómetros de percorrido, terá instalada tanto a saída como a meta na Avenida Montero Ríos para baixar cara ao río por Arcebispo Malvar e penetrarse na Xunqueira de Alba, estando previsto que a actividade comece coas probas infantís ás 20.00 horas e con saída para os adultos ás 21.30 horas.
A máis de 10 días para o evento son xa máis de 600 os deportistas rexistrados, aínda que o obxectivo é poder achegarse á cifra máxima de participantes en anteriores edicións, fixada en 1.200 atletas.
Relacionadas:
-
A carreira Ponle Freno vive a súa quinta edición en Pontevedra
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Medidas de restrición de tráfico este sábado con motivo da Carreira-Marcha solidaria Ponle Freno
Por Redacción |
-
Ponle Freno premia o alcalde de Pontevedra como "pioneiro da mobilidade urbana moderna"
Por Alejandro Espiño |
-
A carreira Ponle Freno desembarca en Pontevedra para axudar ás vítimas de accidentes de tráfico
Por Redacción & Cristina Saiz | Creada e actualizada