Dobre medalla para a Escola Hungaresa no Campionato de España Cadete de Esgrima
Por Redacción
Gran papel o protagonizado pola Escola Hungaresa de Esgrima de Pontevedra no Campionato de España Cadete celebrado a pasada fin de semana en Santander.
O conxunto pontevedrés, que participou no torneo nacional con catro sablistas e un equipo feminino, regresou a casa con dúas medallas, unha de prata por equipos no sabre feminino e outra de bronce a nivel individual da man de Pilar Garnelo.
A tiradora pontevedresa superou a rolda previa con cinco vitorias e unha sóla derrota, no terceiro posto provisional. Xa nas roldas eliminatorias superou á madrileña Daniela Solera (15-12) e á catalá Laia Martín (15-4) para chegar a semifinais, onde cedería coa madrileña Lucía Jimeno (10-15) tendo que conformarse co bronce.
Na mesma categoría de sabre feminino Ángela Nogueira finalizou o campionato no 19º posto cunha única vitoria na fase previa.
Ademais Samuel Ogando, en categoría masculina, finalizou no posto 33º aínda rengueante dunha recente intervención cirúrxica.
A competición completouse co Campionato de España por Equipos, onde ademais de Pilar Garnelo e Ángela Nogueira participou Inés Silva. As tres pasaron exentas ao cadro dos 8 mellores vencendo ao Club Esgrima Madrid na o semifinal por 45 toques en 38. Na final esperaba o equipo do Club Esgrima Barallas, que foi mellor gañando á Escola Hungaresa por 37 a 45.