O Cisne lévase o derbi local ao vencer claramente (26-34) o Vitaldent Pontevedra
Por Alejandro Espiño
O derbi do balonmán pontevedrés caeu do lado do Cisne. Os de Edín Covelo lograron unha clara vitoria por 26-34 ante un Vitaldent Pontevedra ao que lle sobraron os últimos dez minutos de partido. O Pavillón Municipal dos Deportes vestiu as súas mellores galas, con preto dun centenar de afeccionados nas gradas, para un partido ao que ambos equipos chegaban con moitas ganas. Pero aos locais fíxoselles moi longo.
O partido comezaba cun Cisne máis cómodo sobre a pista. Férreo en defensa e saíndo moi rápido co balón nas xogadas ofensivas, sorprenderon o Vitaldent desde o primeiro minuto. Se a iso sumamos os erros en ataque dos locais e a fantástica actuación de Edu Alonso, non é de estrañar que os homes de Edín Covelo se puxeran cinco goles arriba (2-7) aos doce minutos de xogo.
Pero un tempo morto solicitado entón por Pedro Pérez deu os seus froitos. Os xogadores do Vitaldent, malia a dureza que mostraba a defensa do Cisne, empezaron a atopar espazos para aproximarse á portería visitante e lograron empatar seis minutos despois. Co 9-9, a primeira vez que o Vitaldent non ía por detrás no marcador, ambos equipos entraron nunha fase chea de numerosas imprecisións, especialmente en ataque.
O pouco acerto ofensivo de Vitaldent e Cisne continuou ata o descanso, ao que se chegou con empate a 13 no marcador, despois de que dous penaltis marcados por Soliño nos últimos instantes neutralizaran a vantaxe de dous goles que, de novo, adquirira o Cisne.
Nada máis iniciarse a segunda metade, o Vitaldent adiantábase por primeira vez no marcador. Estévez marcaba o 14-13 aos 46 segundos e a súa vantaxe ampliábase a dous goles pouco despois (16-14). Foron os mellores minutos do equipo local, que parecía controlar as embestidas do Cisne, cuxos xogadores saíron algo desconcentrados tralo descanso, con numerosas perdas de balón e cometendo erros infantís.
Pero David López e, sobre todo, a fabulosa actuación do canteirán Pablo Picallo, con tres goles cada un nos dez primeiros minutos, permitiron ao Cisne anotar un parcial de 1-5 e dar a volta ao marcador (17-19). A medida que ía avanzando o partido e mellorando o xogo dos visitantes, o Vitaldent precipitábase cada vez máis, permitindo perigosos contraataques que os de Edín Covelo non desaproveitaban.
A segunda exclusión de Estévez axudou tamén a que o Cisne se situara cinco arriba (20-25) no minuto 16. Aínda o intentaría o Vitaldent, ilusionando á súa afección cunha posible remontada ao marcar Soliño o 24-26 a falta de 10 minutos de partido. Pero a partir de aí o cansazo fixo mella no Vitaldent e os seus xogadores fóronse do partido, quedando a mercé dun Cisne conducido por Rafa Dasilva e Pablo Picallo.
Non carburaban os locais nin en defensa, superados con relativa comodidade polo xogo rápido e combinativo do Cisne, nin tampouco en ataque. Atopáronse cun auténtico muro na portería rival. Edu Alonso demostrou que está nun gran momento de forma e foi un dos artífices de que o Cisne anotase un parcial de 7-0 que situou en 24-33 no marcador. Quedaban só dous minutos e os visitantes relaxáronse e permitiron que o Vitaldent maquillase lixeiramente o resultado ata o 26-34 final.
Con este resultado, o Cisne mantense na sexta praza da Primeira Nacional. Suma 17 puntos. Pola súa banda, o Vitaldent Pontevedra segue undécimo con 10 puntos.
VITALDENT BM. PONTEVEDRA (26): Galán, Anxo Otero; Jorge Rodríguez, José Domato, Rey (1), Alberto Santiago (5), Javier Suárez (2), Garrido (3), Daniel Gómez (2), Soliño (9), Jaime Iglesias (2), Gonzalo (2) y Hugo Urtaza
BM CISNE (34): Edu Alonso; Javi Vázquez (6), Rafa Dasilva (7), Edu Domínguez (4), David López (4), Rafa Gestido (3), Pablo Picallo (8) -siete inicial-, Yago (p.s.), Pablo Rey, Carlos Rodríguez (1), Miguel Simón, Andrés Sánchez, Álex Chan e Iván Abilleira (1).
Árbitros: Pablo Castellanos e Luis Vázquez de Prada (colexio castelán leonés). Excluíron por dous minutos a Alberto Santiago (2) polos locales; e a Alberto López polos visitantes.
Marcador (cada cinco minutos): 1-3, 2-4, 4-8, 10-10, 11-12, 13-13 (descanso), 16-16, 18-19, 20-23, 24-26, 24-31 y 26-34.
Incidencias: Partido correspondente á decimoquinta xornada de Primera Nacional, disputado no Pavillón municipal dos Deportes, Pontevedra. Uns 100 espectadores.