O boxeador Aarón González quere revalidar o seu título autonómico na Cañota ante o seu público
Por Redacción
O pavillón da Cañota volverá converterse esta fin de semana nun estadio de boxeo para a celebración do campionato galego Neo Profesional.
Este venres na cafetería Nao de Marín estaba prevista a clásica cerimonia da pesada dos púxiles que participarán na competición, que comezará este sábado nunha velada que arrincará ás 21 horas e que promete un gran ambiente.
O combate máis esperado do evento será o que enfronten a Iván Pasín "O Sueco" co marinense Aarón González "The Thunder". Será a primeira vez que o púxil morracense boxee a cinco asaltos, ademais será o seu combate número 240, todo un récord histórico no boxeo galego que espera celebrar levantando o título de campión autonómico #ante o seu público.
Pero antes desta emocionante cita, terán lugar outros dez combates máis, seis deles en categoría amateur. Eloy Rodal e David González defenderán as cores do equipo local, mentres que o marinense Anxo Martínez representará ao Ximnasio Simón de Vigo. Tamén participarán os pontevedreses do Club Boxeo David Burgos, Guido Martínez e Hugo Lourido.
No campionato NeoProfesional a tres asaltos, o público poderá gozar do debut nesta categoría dos boxeadores do Thunder Brais Lago e Raúl Loira, que se medirán aos vigueses Dani Castro e Diego Castro. O arousán Jonathan Casariego, dúas veces campión do mundo de artes marciais mixtas (MMA) enfrontarase ao vigués Alberto Loureiro "Golden Boy", que regresa ao ring tras unha longa tempada afastado das competicións.
O colofón poñerano The Thunder e O Sueco, que buscará vinganza tras a última vitoria do marinense no pasado campionato galego da Coruña.