Miguel Román asina co Celta para as tres próximas tempadas
Por Diego Espiño
Unha das principais incógnitas relacionadas co mercado futbolístico e o Pontevedra Club de Fútbol foi despexada este luns, aínda que o club granate xa non estaba directamente afectado polo movemento.
Miguel Román, tras acabar o seu contrato na entidade de Pasarón, comprometeuse para as tres próximas tempadas co Real Club Celta de Vigo, que confirmou a operación.
O centrocampista de Gondomar, un dos homes máis destacados no equipo granate as dúas últimas campañas, seguirá desta forma en Primeira RFEF con aspiracións de achegarse ao fútbol profesional, xa que militará inicialmente no filial celeste, agora denominado Celta Fortuna.
O Pontevedra, satisfeito co gran rendemento mostrado polo futbolista pese ao descenso, chegou a ofrecerlle a renovación, tal e como recoñeceu a PontevedraViva a principios de xuño o propio Miguel Román, que declinou a proposición. "Presentáronme unha proposta pero eu o que quero agora mesmo é crecer e creo que o meu futuro non está no Pontevedra", sinalou entón.
Ao longo das súas dúas tempadas na Boa Vila, na que aterrou directamente desde o equipo xuvenil do Choco, Miguel Román defendeu a elástica granate en 70 partidos entre Liga, Copa do Rei e Copa Federación, con máis de 5.000 minutos sobre o verde nos que chegou a anotar dous goles.
Relacionadas:
-
Javier Hermelo, primeira lesión na pretempada do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra aumenta o ritmo mirando cara aos seus primeiros amigables de pretempada
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra confirma a baixa de doce futbolistas do primeiro equipo
Por Manu Otero |
-
Miguel Román: "Agora mesmo quero crecer e o meu futuro non está no Pontevedra"
Por Diego Espiño |