Monbus adhírese aos convenios de acredores de Pontevedra e Teucro
Por Ramiro Espiño
Pontevedra, C.F. e S.D. Teucro teñen case despexado o camiño para seguir adiante nos seus respectivos procedementos concursais que fagan viable o futuro económico das dúas entidades deportivas máis representativas de Pontevedra. Despois de conseguir a adhesión á proposta de convenio dun elevado número dos acredores non subordinados, ambas as dúas entidades estaban pendentes das negociacións co Grupo Monbus para poder superar o 51% necesario co que garantir que os seus plans de viabilidade puidesen saír adiante.
Segundo puido saber PontevedraViva, hai un pre-acordo apalabrado e unicamente pendente dun pequeno floco a resolver antes da firma ante notario, nun acto que, de non xurdir máis inconvenientes, terá lugar a próxima semana tan pronto o presidente e propietario do Grupo Monbus, Raúl López, poida desprazarse a Pontevedra.
As xestións frutificaron despois da mediación de Lupe Murillo, ex-vicepresidente de Pontevedra e Teucro, co empresario lucense, con quen logrou alcanzar o devandito pre-acordo, transcendental e decisivo para a supervivencia de ambos os dous clubs.
Raúl López mostraba inicialmente certas dúbidas baseadas principalmente nas posibilidades de que os dous clubs fosen viables tras o proceso concursal, dúbidas que quedaron á marxe ante a realidade de que a súa non adhesión aos plans de viabilidade respectivos podería supoñer na práctica o final das dúas entidades.