Guille García Janeiro, un pontevedrés na 'Grandísima': "Veño máis preparado que o ano pasado"
Por Diego Espiño
A Volta a Portugal gañou por dereito o alcume da 'Grandísima'. Non en balde é unha das carreiras ciclistas por etapas máis duras do panorama internacional, máis aló das tres grandes.
A proba ciclista iníciase este mércores 9 de agosto a súa 84 edición en Viseu, e alí estará por segundo ano consecutivo un pontevedrés, Guillermo García Janeiro.
"Veño máis preparado que o ano pasado, que entrei a última hora por problemillas doutros corredores. Este ano púidena preparar a coinciencia", asegura o ciclista profesional do Radio Popular Paredes Boavista.
Guille ten claro cal será o seu papel na carreira, de 11 etapas e cunha alta carga montañosa. "O meu obxectivo é axudar ao máximo ao equipo, queremos gañar a Volta con Luís Fernández e disputar etapas con César Fonte e Hugo Nunes. O meu labor principal é axudarlles, dubido que me poida meter nunha escapada porque debo estar á beira deles e coidalos ao máximo como bo gregario que son", explica a PontevedraViva antes de tomar a saída na etapa prólogo de 3,6 quilómetros.
En canto ao que lle espera na estrada "nesta competición hai que coidar todos os esforzos", asegura, e é que "é moi larga con 11 etapas, todas de máis de 180 quilómetros. A primeira metade é un pouco máis fácil pero a segunda vai ser moi moi dura, e con esta calor é algo que temo", avanza sobre unhas altas temperaturas ás que non está afeito.
A Volta a Portugal, explica García Janeiro, "é o obxectivo de todos os equipos portugueses e mesmo de fóra, ten moitísimo prestixio", polo que se espera batalla desde o primeiro día para facerse coa camisola amarela de líder e tentar así desbancar ao que parte como o gran favorito e vencedor das dúas últimas edicións, o uruguaio Mauricio Moreira (Glassdrive-Q8-Anicolor).
Para conseguilo Guille García Janeiro poñerá todo da súa parte desde o honrado papel de gregario, unha figura imprescindible no mundo do ciclismo.
Relacionadas:
-
Guille García Janeiro ficha polo equipo profesional portugués Sabgal Anicolor: "Os obxectivos van ser moito máis ambiciosos"
Por Diego Espiño |
-
Guillermo García Janeiro seguirá un ano máis no pelotón profesional portugués co Radio Popular Paredes Boavista
Por Diego Espiño |
-
Guillermo García Janeiro, vencedor final da Costa Atlántica MTB Tour
Por Redacción |