Pequenos cambios na carreira popular de San Brais, que se pasa á mañá do domingo 2 de febreiro
Por Diego Espiño
A carreira popular de San Brais cambia de día de celebración e pásase ao domingo 2 de febreiro en busca de facilitar a asistencia do maior número posible de atletas afeccionados.
Por segundo ano a proba é ademais a primeira cita do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra.
A organización decidiu realizar pequenos cambios como o traslado da saída ata as inmediacións do aparcadoiro superior do centro comercial, que se poderá utilizar ata media hora antes da saída, fixada para as 12:00 horas, por todos os participantes que o desexen.
En canto ao percorrido, nesta edición ampliarase lixeiramente ata superar os 6.000 metros, mantendo os seus sinais de identidade, como as constantes pendentes que deberá atravesar os corredores, segundo o anunciado na presentación da proba.
A partir das 11:00 horas celebraranse tamén carreiras para as categorías inferiores, dende os máis pequenos ata atletas de 17 anos, mentres que á conclusión dos sénior todos os asistentes poderán gozar dunha carpa con "pulpeiro e churrasco" na zona, tal e como informou a Asociación de Veciños Salcedo Norte.
Todos os interesados en inscribirse para a carreira poderán facelo na web www.championchipnorte.com, salvo as categorías inferiores que poderán facelo in situ ata media hora antes da saída.
Relacionadas:
-
Iván Docampo e Águeda Blanco impóñense na carreira popular de San Brais
Por Diego Torrado |
-
Clasificación compensada e por equipos, novidades do II Circuíto de Carreiras Populares
Por Redacción |
-
Os gañadores do Circuíto de Carreiras Populares reciben os seus premios
Por Redacción |
-
O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra terá segunda edición en 2014
Por Diego Espiño |