Pontevedra será o punto final da XXI Volta Ciclista a Galicia
Por Redacción
Catro etapas, a primeira delas contra o reloxo e a última coa meta na cidade de Pontevedra. Así será a XXI Volta Ciclista a Galicia, que percorrerá as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra do 14 ao 17 de setembro.
Nesta proba por etapas competirán dezaseis equipos, a metade deles galegos. Trátase de Vigo Rías Baixas, Aluminios Cortizo, Supermercados Froiz, High Level G. Tormo, Lasal Cocinas Louriña, Retelec Ambilamp, Oiense Escuela Estévez e o Club Ciclista Vigués.
A eles súmanse formacións de Madrid, Navarra, Estremadura, Cantabria, Castela León e Asturias.
A Pobra de Brollón, en Lugo, será o punto de partida desta volta cunha etapa contra o reloxo de 6,7 quilómetros que se disputará o 14 de setembro. Esta localidad lucense será saída e chegada tamén da segunda etapa.
Neste caso serán 148 quilómetros nos que os participantes percorrerán enclaves das localidades de Bóveda, Sarria ou O Incio e subirán tres portos de montaña, un de eles -o de Airapadrón- de primeira categoría.
A terceira etapa terá como eixe A Pobra de Trives, en Ourense. Alí sairá e chegará esta tirada, que terá un percorrido de 148 quilómetros que pasará, entre outros, por Larouco, Petín, A Rúa, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa e Manzaneda.
O gañador decidirase na cuarta e última etapa que será en Pontevedra. Sairá da Praza de España, onde tamén estará situada a meta. Serán 133,6 quilómetros. O percorrido pasarán tamén por diferentes puntos dos municipios de Poio, Sanxenxo, Ponte Caldelas, Soutomaior e Marín.
O Pé da Moa, o lago de Castiñeiras e Monte Pituco serán os tres portos de montaña que deberán subir os ciclistas antes da recta final da carreira, que entrará na cidade por Mollavao, Manuel del Palacio, Avenida das Corbaceiras, Avenida do Uruguai e Arcebispo Malvar.