O Waterpolo Pontevedra, preparado para estrear tempada en Primeira Nacional no 'desterro' da Escola Naval
Por Redacción
Sen acordo para poder usar nos seus partidos a piscina olímpica de Ponte Muíños, o Club Waterpolo Pontevedra prepárase para estrear desde o 'desterro' da Escola Naval de Marín a que será a súa segunda tempada consecutiva na Primeira División Nacional Feminina.
O club pontevedrés recibirá na primeira xornada de competición (sábado, 17.00 horas) o CW Dos Hermanas sevillano, un equipo "con moita experiencia en competición nacional, que poñerá as cousas difíciles", aseguran desde a entidade pontevedresa.
O obxectivo será buscar un primeiro triunfo que supoña o paso inicial cara á permanencia na categoría, principal reto do equipo adestrado por Kike García.
"Esperamos que a piscina marinense se converta nun fortín co apoio do público", asegura o Waterpolo Pontevedra sobre as súas expectativas para a campaña.
Neste sentido cabe lembrar que a entrada aos partidos será de balde durante toda a tempada, pero ao tratarse dunha instalación militar será necesario inscribirse previamente por razóns de seguridade.