O Mundial de Trampolín de Birmingham, o 'día D' para Melania Rodríguez
Por Diego Espiño
A Real Federación Española de Ximnasia (RFEG) desvelou a lista de deportistas que participarán no Campionato do Mundo Absoluto de Trampolín que terá lugar do 9 ao 12 de novembro na localidade inglesa de Birmingham.
Alí haberá unha ampla representación do Club Ximnasia Pontevedra-Burgas Ourense, encabezada por Melania Rodríguez.
Tras unha tempada sen grandes resultados internacionais, a ximnasta pontevedresa soña no Mundial con repetir o seu posto de finalista en 2021 (foi sétima), o que nesta ocasión leva un premio engadido, a clasificación dorecta para os Xogos Olímpicos de París 2024.
Só as oito ximnastas que alcancen a final lograrán o billete olímpico, todo un reto para unha Melania Rodríguez que nesta campaña finalizou no posto 21 na Copa do Mundo de Bakú, no 27 na cita de Coimbra e no posto 66 na Copa do Mundo celebrada recentemente en Varna (Bulgaria).
Ademais de Melania na proba de trampolín individual incluída no programa olímpico, o Mundial contará con competición de dobre minitramp e tumbling, individual e por equipos.
Para todas estas probas foron citados ademais polo equipo nacional Lida Farrapeira, Alejandra Braña, Aintzane Dapena e Adrián Soliño, con presenza no Campionato do Mundo por Idades (13-20 novembro) de Uxía Rodríguez e Santiago Brea, todos eles con licenza no Ximnasia Pontevedra.