Este pasado luns deu rematado a tempada 2024-2025 da "Sociedad Filarmónica" de Pontevedra. Todos os anos dame moita pena chegado este momento, xa que é das poucas oportunidades para escoitar música culta en Pontevedra. Debe de estar a caer o ciclo de música antiga do Museo, que é outra das citas que convoca anualmente ós melómanos e melómanas da Boa Vila. Desta vez, este derradeiro concerto da tempada veu da man da Coral Polifónica de Pontevedra, que neste 2025 deu cumprido un século de vida. Parabéns a toda a xente vencellada a esta institución musical xa centenaria. Coma é habitual, esta tempada 2024-2025 deixou un bo sabor de boca aos socios e socias.
Para o inicio de tempada, nun principio ía ser o concerto da ensemble "Das Kolorit", onde toca a pianista e intérprete de clave barroca compostelá Rosalía Gómez Lasheras, unha intérprete cun impresionante palmarés a pesar da súa xuventude e que xa tivemos o pracer de escoitar noutras ocasións en Pontevedra da man da "Sociedad Filarmónica". Esta Rosalía sabe de música, e non a outra. Problemas de saúde dun dos membros, que agardamos que leven meses solucionados, fixeron que o programa sufrira cambios e que, sen apartarnos do repertorio barroco, viñera outra formación. Tratábase de "Infermi d'Amore", unha ensemble formada por dous violíns barrocos, un cello barroco e clave. O primeiro violín e director, Vadym Makarenko, era un virtuoso que nos fixo gozar do concerto.
O segundo dos concertos foi un dos concertos sinfónicos, e a Pontevedra para esa ocasión veu a Real Filharmonía de Galicia coa Sinfonía nº 4 en la menor op. 63 do finés Jean Sibelius, concerto que me fixo prestar máis atención á obra sinfónica deste autor, xa que del só escoitaba o seu concerto para violín, iso si, unha e outra vez. O meu compositor favorito, sen dúbida, é Beethoven, e ao longo desta tempada puidemos escoitar o seu trío nº 5 en Re maior op. 70 nº 1 da man do "Trío Fortuny"; as sonatas para piano nº 8 en do menor op. 13 (Pathétique) e nº 28 en La maior op. 101 da man da pianista Miyu Shindo, Primeiro Premio do VII Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo no 2023. Pero sen dúbida, a Sinfonía nº 7 en La maior op. 62 do xenio de Bonn, da man da Real Filharmonía de Galicia, o pasado 25 de abril foi, para min, o mellor de toda a tempada. Con ese Allegretto, do cal xa tiven ocasión de escribir neste mesmo medio.
Outro músico que tivo un gran papel nesta tempada foi Johannes Brahms. Brahms era moi "beethoveniano", de feito a súa primeira sinfonía era chamada a "décima de Beethoven", nun intre no cal o estilo de Richard Wagner estaba petando forte e a xente reclamaba unha volta ao son de Beethoven. Moita desta xente que buscaba unha volta a Beethoven eran intelectuais e músicos xudeus, que miraban na música de Wagner certo antisemitismo. En realidade, a carga antisemita que se presume na obra de Wagner debémola máis á súa muller que a el mesmo. A súa segunda muller, Cósima Liszt, filla do colega e amigo de Wagner, Franz Liszt, tiña en realidade certa tirria aos xudeus; de feito lemos que cando na súa correspondencia e escritos ataca os rivais do seu marido, onde o máis claro era Giacomo Meyerbeer, ao chegar a Mendelssohn, xudeu, sinxelamente di que era xudeu, como se iso xa contera toda posible crítica. O crítico Eduard Hanslick, austriaco, foi o crítico musical que máis atacou a Wagner e a súa música, sobre todo tras escoitar ao Tannhäuser en Dresden no ano 1845, escribindo ao ano seguinte unha extensa crítica no Wiener Musikzeitung. Eu penso inviable que en Pontevedra se represente algunha vez unha ópera de Wagner de xeito íntegro, e seguirei co meu soño de ver a Tannhäuser ou a un Parsifal en directo.
Pero estaba a escribir de Brahms, non de Wagner. De Brahms puidemos gozar nesta tempada da sonata para cello e piano nº 2 Fa maior op. 99 da man da cellista lucense Alejandra Díaz, e o pianista Misha Dacic, que xa o víramos nunha ocasión anterior, creo lembrar que interpretando aos Estudos de Execución Trascendental de Franz Liszt. Tamén de Brahms, puidemos escoitar o cuarteto de corda nº 1 en do menor op. 51 nº 1, que Brahms adicara ao seu amigo Theodor Billroth, neste caso da man do "Cosmos Quartet". De Schumann, amigo de Brahms, de cuxa muller, a compositora e pianista Clara Schumann, din que estaba namorado Brahms, puidemos escoitar a segunda Sinfonía en Do maior op. 61 da man da Sinfónica de Galicia; debo admitir que a miña sinfonía favorita de Schumann é claramente a 3ª, a Rheinische, pero din gozado moito igualmente. O luns 27 de xaneiro foi o concerto que, xunto co da sétima de Beethoven, máis me entusiasmou; a pianista francesa Diana Cooper, Primeiro Premio do VI Concurso Internacional de Piano Cidade de Vigo no ano 2022, trouxo a Pontevedra un concerto adicado de xeito exclusivo a Frédéric Chopin, o meu compositor favorito para repertorio pianístico. Aquel día puidemos escoitar o Andante spianato e Gran Polonesa brillante. Non adoito pedirlle aos intérpretes musicais que me asinen e adiquen o programa, son moi tímido. Pedírallo á violinista alemá Arabella Miho Steinbacher, e unha vez máis á británica Chloe Haslip; pero aquel luns non me puiden resistir e agardei a que saíra Diana Cooper, ademais a súa nai é española e fala algo de castelán, podendo falar con ela, brevemente, sobre o Andante spianato e Gran Polonesa brillante. Falo un reseso inglés e levo anos, máis de dez, pelexándome a diario co alemán, cunha estancia como estudante en Göttingen (Alemaña), debido á miña intención (fallida de xeito reiterado) de ser acollido como disidente intelectual en Austria... pero de francés non teño nin idea.
Esta tempada veu acompañada por un pesar que me distraeu mentres estaba na butaca dos auditorios onde se levaron a cabo os concertos, que foi a lesión no fígado da miña nai, provocada polas políticas austericidas do SERGAS, que se negaron a facerlle probas para determinar o que estaba a pasar, e finalmente a súa morte o pasado 24 de marzo. Sempre lembrarei esta tempada por iso. Ela sempre me preguntaba qué tal estivera o concerto; a derradeira vez que me fixo esa pregunta foi o luns 17 de marzo tralo concerto do "Cosmos Quartet". A maiores deste pesar, tamén resultou un atranco para min gozar da música unha lesión, precisamente no oído, que me provoca un grave acúfeno e unha hiperacusia severa que arrastro dende hai tres anos e medio sen visos de que o SERGAS me atenda. Nunha ocasión, unha funcionaria do SERGAS dixérame que non deberían atenderme, xa que estivera os dous últimos anos "sen facer nada"; en realidade durante eses dous anos traballara, como ela, para a administración, pero como bolseiro, sen cotizar, con maior preparación ca ela, traballando con maior eficiencia e, sobre todo, con maior respecto e educación cara ao usuario a pesar de cobrar a metade.
No derradeiro concerto, neste pasado luns, puidemos ver a un emocionado Carlos Valle recibir un agasallo, unha reprodución en prata do rosetón de San Francisco, espazo onde a "Coral Polifónica" se estreara naquel ano de 1925. Tamén nos deron o avance da tempada 2025-2026, que fixo que saltara de alegría na miña butaca, xa que, nos programas xa fixados, vemos que en dous dos concertos interpretarán os cuartetos de corda de Beethoven (nos. 4, 9, 11, 15 e 16), por obra do "Cuarteto Gerhard" e do "Cuarteto Diógenes". Deste último, teño os CDs que gravaron da integral dos cuartetos de corda de Schubert, sete CDs que pasei a MP3 e que gardei no meu teléfono para poder escoitar, incluso mentres camiño pola rúa, tentando ocultar o ruxido do acúfeno coa música de Schubert. Hai uns anos, o "Cuarteto Diógenes" tocara para a "Sociedad Filarmónica"; un dos concertos dos cales teño mellor memoria fora o xoves 22 de novembro do 2018; daquela non tiña acúfeno, o COVID-19 aínda non fora fabricado nun laboratorio de Wuhan, e a miña naiciña estaba viva, aínda que era moi probable que xa tivera dentro esa cirrose que a levou á morte, pero non sabíamos que a tiña, xa que a súa médica de cabeceira negábase a facerlle unha ecografía a pesar das altas transaminasas. Todo moi triste. Pero a vida segue, sigo cos meus proxectos como historiador académico e serio, coas miñas investigacións como alumno de doutorado (dá igual que non as publiquen), asistindo a tódolos concertos que podo, estudando alemán... e seguindo tentando convencer ás autoridades austriacas que para buscar disidentes intelectuais non fai falla ir a Irán, Siria, Pakistán, Afganistán ou a Corea do Norte, hainos en España, eu dou fe diso, xa que son un deles.
