Rematou a Semana Santa. Para min é unha época de descanso, de vacacións. Non a sinto como propia. Non son crente, e tampouco teño tradición. Nin en Iria, nin en Padrón, había ese despregue como os de agora. Estamos influídos, polas transmisións nos medios, da Semana Santa, nomeadamente a andaluza. Non entendo que medre noutros sitios copiando a andaluza, cando en Andalucía é outra cousa, é de participación da xente. Fun en Semana Santa a Andalucía, por primeira vez, a finais dos anos setenta. Os portadores dos pasos eran estibadores dos portos de Cádiz ou Málaga. Agora hai listas de agarda nalgunhas para ser "portador", "costalero" ou "hombres del trono". Outras teñen que poñer anuncios para poder mover os "pasos". Falando ca xente decateime que as confrarías eran cousa de todos e os confrades era de todo, crentes e non crentes, ateos ou agnósticos. Cousa difícil de crer fóra de Andalucía. O meu amigo Rafael, ateo confeso de Chipiona, e membro dunha confraría dicíame: "isto xa ven, do século XIX, cando se definen as festas modernas; a xente tiraba do que tiña arraigo, así a Semana Santa faise participativa. A Igrexa Católica quixo controlar, e controla, as confrarías. Mais non pode controlar aos que participan. Manuel Chaves Nogales dicía, no 1935, que os "inimigos natos" das confrarías eran o arcebispo e o gobernador". Hoxe hai moitos partidos de esquerda andaluza como Adelante por Andalucía, membros destacados de Podemos, Izquierda Unida e PSOE, abrazan sen complexos o imaxinario confrade deixando de lado o relixioso. Rafael dime: "de Despeñaperros para arriba no nos entienden".
Vemos que o que antes era expresión colectiva e íntima, hoxe parece, en moitos casos, un escaparate. Este ano, en Andalucía, a Semana Santa converteuse nun escenario político e mediático: cargos públicos, nomeadamente do PP, disputándose portar "pasos", fotografías buscadas con cálculo e unha presenza constante de figuras que transforman o rito en campaña. Como sinalou Javier Aroca, "o que debería ser anonimato e penitencia convértese en plató". O "capirote" xa non agocha: destaca.

Como todas as Semanas Santas busquei outro tipo de experiencia. Viaxei á Coruña para desfrutar dunha cidade que me gusta, na que vivira fai moitos anos, e na que naceron os meus fillos, tamén, non podo negalo, para visitar a exposición Wonderland de Annie Leibovitz na The MOP Foundation. Esta fotógrafa traballou, entre outros, para Rolling Stone, Vanity Fair ou Vogue. Tamén é Premio Principe de Asturias de Comunicación e Humanidades. Para os que nos gusta a fotografía Annie Leibovitz é unha das mellores fotógrafas do mundo. A mostra propón un percorrido pola traxectoria dunha das grandes cronistas visuais do noso tempo. Dende os seus inicios coa revista Rolling Stone, captando o espírito rebelde dos anos setenta, ata as súas composicións máis elaboradas, Leibovitz fai un universo onde realidade e ficción dialogan.

A exposición organízase en varias seccións, culminando en Wonderland, con máis de cen fotografías —moitas inéditas— que revelan a capacidade da autora para reinventar o retrato. Pola súa cámara pasaron figuras como a raíña Isabel II, os reis de España, Bob Dylan ou John Lennon, convertidas en imaxes icónicas. Tamén no ámbito da moda, co seu traballo en Vogue, deixou escenas inesquecibles: dende Whoopi Goldberg nunha bañeira de leite ata Leonardo DiCaprio cun cisne ao pescozo. As portadas de Vanity Fair son míticas, nomeadamente a de Demi Moore embarazada espida . https://www.rtve.es/fotogalerias/las-mejores-portadas-de-annie-leibovitz-en-vanity-fair/35493/demi-moore-vanity-fair/1/

Leibovitz non só retrata persoas: captura épocas, emocións e relatos. A súa obra, diversa e extensa, ofrece unha alternativa á superficialidade do espectáculo inmediato. Quizais por iso esta visita foi, para min, outra forma de vivir estas datas: afastado do ruído, mergullado nunha mirada que invita a pensar. Unhas vacacións distintas, si, pero tamén máis reveladoras.

Añadir Pontevedra Viva como fuente preferida de Google de forma gratuita
Mantente informado con las últimas noticias de actualidad.