Pontevedra acollerá o primeiro Encontro Nacional do BNG fóra de Santiago
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez
O próximo sábado 25 de abril ás 18.00 horas, o BNG vai celebrar no Pazo da Cultura de Pontevedra un Encontro Nacional Aberto que reunirá os candidatos da formación nacionalista de toda Galicia.
ÿ a primeira vez que o Encontro Nacional se celebra en fóra de Santiago xa que este tipo de actos "atendendo a centralidade xeográfica" se facían sempre na capital compostelá.
Segundo informaron os responsables local e comarcal do Bloque, Raimundo González e Anxos Riveiro, esta cita "vai a significar o pistoletazo de saída a nivel galego para ás próximas eleccións municipais".
O Bloque Nacionalista Galego ten previsto un acto "dinámico" no que xunto ás intervencións políticas haberá outro tipo de participacións así como música.
O programa contempla os discursos do voceiro nacional do BNG, Xavier Vence; e dos candidatos á reelección, os alcaldes de Allariz, Francisco García; de Tomiño, Sandra González; e de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
"Non é un acto pechado", recalcou Raimundo González en referencia a que poden asistir todas aquelas persoas que o desexen aínda que non pertenzan a esta forza política.
Raimundo González, sinalou que para o Concello de Pontevedra "que se converteu nos últimos anos nunha referencia a nivel nacional e internacional", é unha "satisfacción" que o Consello Nacional do BNG pensase na cidade do Lérez para celebrar este acto.
O BNG estará presente no 97 por cento dos municipios de Galicia, segundo destacou Raimundo González, "a práctica totalidade dos galegos van a ter papeleta para poder votar ao BNG". Coa singularidade de que o 57 por cento dos candidatos que se presentan nas listas do BNG-Asembleas Abertas non ten carné da formación nacionalista e que o 30 por cento son menores de 35 anos.
Ademais para estes comicios locais as candidaturas están renovadas ao 60 por cento.
"Estamos tremendamente animados diante deste proceso electoral no que os veciños e veciñas nos xogamos moitas cousas", concluíu o responsable local do Bloque.