"Pase o que pase o 24 de maio, Ciudadanos chegou a Pontevedra para quedarse"
Ciudadanos é o partido de moda. A formación de Albert Rivera irrompeu con forza no panorama político nacional. Estas eleccións do 24 de maio serán unha cita importante para eles. E tamén en Pontevedra, onde algunhas enquisas lle dan posibilidades de entrar na corporación municipal. A súa candidata é a empresaria María Rey (Pontevedra, 1973), que asegura estar "ilusionada" ante o reto que se lle presenta.
Exmilitante do PSdeG-PSOE, María Rey asegura que Ciudadanos é un partido que busca achegar "aire fresco" na cidade. Define á súa formación como de "centro esquerda" e nega que sexan, como moitos lles acusaron estes días, unha "marca branca" do PP. Asegura que, a pesar das aparencias, o seu partido "está nunha carreira de fondo, poñendo uns alicerces moi sólidos", polo que pase o que pase nas urnas "chegamos para quedar".
A potente imaxe de Albert Rivera, axúdavos a darvos a coñecer ou cres que pode chegar a ser un hándicap, ao eclipsar o voso traballo en Pontevedra?
Albert Rivera non é unha imaxe, é un conxunto de ideas valentes e renovadoras. Iso é o que se está a asentar entre a xente. Evidentemente, polos ollos pódeche entrar unha cara bonita, pero ao final o que quedan son as ideas e as ideas de Ciudadanos están por enriba de Albert Rivera. Non creo que esteamos a crecer moi rápido. Estamos nunha carreira de fondo, poñendo uns alicerces sólidos. Pase o que pase nestas eleccións, Ciudadanos quédase.
Hai oco para Ciudadanos na cidade de Pontevedra?
Claro que o hai. Sobre todo porque achegamos frescura, pero tamén ofrecemos ilusión e traballo en equipo. A Ciudadanos, diferénciannos as nosas ideas de base e as persoas que están dentro do partido que, dalgún xeito, somos ideoloxicamente máis adultos que outros que xa levan moitos anos na política.
Presentádesvos cunha candidatura de xente sen experiencia en primeira liña da política, "sen mochilas", como asegurabas recentemente. Satisfeita co resultado?
Contenta non, estou feliz. Pero non só polas vinte e cinco persoas da lista, senón ata o último dos afiliados. Temos dende xente nova xubilados, estudantes, funcionarios, empresarios... Todos eles dannos, grazas á súa experiencia profesional á hora de xestionar diferentes sectores, unha visión global de Pontevedra. Do bo e do malo. Pero sobre todo diferente ao que estamos afeitos a ver noutros partidos.
Desa análise que realizastes da situación na que se encontra a cidade, cal é a vosa principal preocupación?
O emprego. A economía en Pontevedra ten que volver rexurdir. Hai que mimala, coidala e axudala. Un concello non pode xerar emprego, pero pode favorecelo. O primeiro é protexer os autónomos, xa que o autoemprego é actualmente unha das principais fontes da economía, por exemplo, reducindo o tempo para as licenzas de obra ou apertura. Non se pode permitir que te arruínes antes de abrir un negocio.
E logo hai cousas moi concretas como traer a feira ao centro da cidade, creo que podería ser un motor económico importante. E por suposto xestionar dende o Concello as axudas ás empresas, habilitar máis chan industrial e atraer á iniciativa privada. Un alcalde ten que saír e mediar onde faga falta para convencer as empresas de que o chan pontevedrés lles vai dar garantías que non lles dan noutro sitio.
"Creo que ENCE é unha empresa á que se ten demonizado e apartóuselle da cidade en vez de intentar que revertese os seus beneficios en Pontevedra"
Cres que dende o goberno municipal non se fixo nada nesa liña?
O BNG fai moi ben unhas cousas e moi mal outras. E o seu plan económico directamente non existe.
Si teñen claro a súa oposición á continuidade de ENCE, a diferenza vosa. Por que vos posicionastes tan claramente a favor da empresa?
Fomos os primeiros en facelo. Non nos gusta onde está, pero se está e cumpre coa lei ambiental e coa lexislación vixente hai que apoiala. Creo que ENCE é unha empresa á que se ten demonizado e apartóuselle absolutamente da cidade en vez de intentar que revertese os seus beneficios en Pontevedra. Eu creo que iso é o que temos que buscar. Se está aquí, que se note. Deben seguir investindo en Pontevedra e creando máis traballo.
E o modelo de cidade axuda a que se cree máis traballo? Que habería que cambiar?
Eu non creo nun modelo de cidade. Todas teñen os mesmos modelos. Creo que hai que buscar unha calidade de vida e deixarse de modelo de cidade que ao final non nos dá de comer. Nós visualizamos unha Pontevedra na que poidas entrar e poidas saír, onde hai que crear máis zonas de aparcadoiro. Todo se basea en facer unha cidade do século XXI e afastala de ser unha cidade dormitorio.
E, sobre todo, necesitamos un transporte urbano. Está marcado por lei, tampouco hai moitas voltas que darlle. Nós pensamos nun transporte público de percorrido circular que achegue a todos os habitantes da periferia. Sería o que necesita Pontevedra. Obviamente non vas meter un autobús polo centro de Pontevedra, pero si os arredores hai que conectalos. Hai que conectar Pontevedra co mundo e aos veciños con Pontevedra.
Ese sería, polo tanto, o principal problema do rural pontevedrés?
O rural está moi abandonado porque lle pasa un pouco como aos discapacitados. Escóitaselles, pero non se fai nada para axudalos. O rural ten que ter presenza en Pontevedra igual que calquera cidadán que viva na Peregrina. A través de voceiros, que é a figura na que nós cremos, deben estar presentes na toma de decisións sobre as cuestións que lles afecten. E tratar o tema do saneamento, pero con rigorosidade.
"Eu non creo nun modelo de cidade (...) Creo que hai que buscar unha calidade de vida e deixarse de modelo de cidade que ao final non nos dá de comer"
E que opina Ciudadanos sobre a planta de compostaxe ou a A-57?
Os políticos dunha vez teñen que empezar a escoitar aos veciños e os seus problemas e deixar de vendernos obras monstruosas e que nin sequera nolas explican. Cando o señor Louzán e o señor Lores se dignen a dicirnos que tipo de planta de compostaxe queren, poderemos opinar. Facelo sobre esta planta de compost é como facelo dun coche e non nos dicir a marca.
Terán que dicirnos que queren facer primeiro, pero sempre contando cos veciños. Non lles podes impoñer, teslles que preguntar e consensuar as cousas. E o mesmo coa A-57, temos que centrarnos en buscar os problemas reais de Pontevedra en vez de facer obras sen sentido. O ordeno e mando está pasado de moda. Xa tivemos esa época en España e esperamos que non volva.
En que se vai centrar Ciudadanos ata o próximo 24 de maio?
Imos traballar dende o punto de vista da transparencia e o sentido común. Con esas dúas normas pódense facer millóns de cousas en beneficio dos cidadáns. O concello ten que ser un exercicio de ventás e portas abertas á xente. Esa debe ser a túa prioridade, en vez de que sigan mirándose o embigo e poñendo as siglas por enriba das persoas.
Agora que Ciudadanos presentou recentemente a súa proposta fiscal para o país, en Pontevedra pensan en baixar impostos e taxas?
Hai que baixar a presión fiscal, pero a nivel nacional porque dende o concello pouco podes facer para rebaixala. E as ideas de Ciudadanos van moito nese sentido. Por exemplo, en Pontevedra o IBI está moi inflado e polo tanto hai que revisalo. E dende logo hai familias en exclusión social ás que hai que quitarllo ou a aquelas persoas que destinen os seus pisos a aluguer social tamén hai que baixalo.
"Sentaríamonos a falar con todos os partidos (...) Poderiamos chegar a un acordo con calquera partido que acepte o noso programa"
Se Ciudadanos accedese ao goberno municipal, cal sería a primeira medida que aplicaría?
A páxina web do Concello. Ten que ser un lugar onde se vexa onde vai cada euro dos veciños, porque ao final é o diñeiro de todos os pontevedreses e deben saber en que se gasta. Toda a xestión municipal ten que facerse con moita cautela e sobre todo con moita transparencia. E quitar os lombos, esa sería a segunda.
E estariades dispostos a pactar con calquera partido?
Temos que partir da base de que estamos nunha democracia e os partidos non son inimigos públicos número un. Sentaríamonos a falar con calquera. Non nos gusta falar de pactos, porque nós non pactamos por cadeiras pactamos por programas. Poderiamos chegar a un acordo con calquera partido que acepte o noso programa, sempre e cando se consensúe en Barcelona, que vai impedir que se poidan levar a cabo certos 'trapicheos'.
Oíndote falar, dás por seguro que estaredes na próxima corporación...
Vémonos moi ben, a verdade. Non temos nada, polo que calquera resultado que logremos vai ser para celebralo. Pero o que está claro é que a rexeneración política ten que chegar nalgún momento. A política é consensuar e dialogar. Sería unha boa lección para os partidos grandes que tivesen que aprender a falar cos demais.
Relacionadas:
-
Tres amigas e un mesmo obxectivo: entrar xuntas na próxima corporación municipal
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A candidata por Ciudadanos, María Rey, mantén unha xuntanza con emprendedores e autónomos
Por Redacción |
-
María Rey, candidata de Ciudadanos en Pontevedra: "Uno o dos concejales sería un resultado fantástico"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ciudadanos respalda que ENCE siga na Ría se cumpre con todos os parámetros ambientais
Por Redacción |
-
Ciudadanos presentarase ás eleccións en Pontevedra
Por Redacción | Creada e actualizada