O BNG aposta por estender as hortas urbanas polos barrios
Por Redacción
O BNG aposta por expandir as hortas urbanas que xa se instalaron en distintos puntos de Pontevedra á zona de Valdecorbos e a todos aqueles barrios nos que haxa suficiente demanda cidadá para a súa conservación.
Os membros da candidatura nacionalista Carmen Fouces, Anxos Riveiro, Luis Bará e Pilar Comesaña deron a coñecer esta proposta este luns durante unha visita á horta urbana da Finca do Conde, na rúa Conde Bugallal. Puxeron a instalación como exemplo da rede de hortas urbanas que pretenden promover se conseguen a Alcaldía o vindeiro 24 de maio.
Este proxecto tamén irá vencellado á recuperación dos invernadoiros da antiga escola obradoiro de Monte Porreiro, que actualmente están abandonados e que poderían ser o centro de operacións para fornecer de planta e semente a estas hortas, e ampliar o proxecto con esta outra iniciativa novidosa.
Ademais das hortas de iniciativa municipal, dende o BNG tamén se defende o apoio a aquelas outras actuacións promovidas por asociacións veciñais, como a que estes días está a desenvolverse na rúa Gorgullón, xunto ao parque do Gafos por parte da Federación de Veciños Castelao.
Vinculada a esta iniciativa, tamén está a horta urbana escolar de Monte Porreiro, que está integrada nun proxecto pedagóxico que ten continuidade logo do curso escolar coas axudas dos familiares dos nenos.
Relacionadas:
-
O Gorgullón contará con novas hortas urbanas en marcha a fin de mes
Por Redacción |
-
Estudan ampliar as hortas urbanas da cidade ante o gran número de solicitudes
Por Redacción |
-
Lores xunta mulleres rurais para reafirmar o seu compromiso coa dinamización económica das parroquias
Por Redacción |
-
28 mulleres e sete homes serán os agricultores da horta urbana de Finca do Conde
Por Redacción |