O PP e Marea critican a "inmoralidad" de determinados gastos do Concello
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez
A "inmoralidade" de determinados gastos asumidos polo Concello de Pontevedra entrou en campaña da man de dous dos partidos políticos que se presentan ás eleccións o próximo 24 de maio, o PP e Marea Pontevedra. En comparecencias realizadas por separado, centraron as súas críticas no que consideran "despilfarros" de fondos públicos.
O PP puxo o foco nos gastos de representación do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Durante os anos 2013 e 2014 o Concello pagou 119.000 euros cada ano en facturas asinadas polo rexedor, pero que non en todos os casos realizou el mesmo, senón por outros departamentos do Goberno Bipartito BNG-PSOE. En todo caso, insiten en que se trata de gastos en conceptos superfluos mentres no municipio hai familias con graves dificultades económicas.
Entre as partidas que máis chaman a atención aos populares figuran 2.985,02 euros en 'xabonciños' para agasallo que o Concello entregou en abril de 2014 aos participantes no Encontro de Palilleiras que se celebra cada ano en Pontevedra ou 2.000 euros en dispositivos de memoria USB para regalar. Trátase de gastos que lles parecen "completamente desproporcionados" cando se recordaron partidas como os servizos sociais municipais.
Nun só día o Concello aboou unha comida de 2.200 euros, unha merenda de 962,50 e unha cea de 440 euros para os membros do xurado dos premios do Entroido e outro día sufragou un aperitivo de 4.290 euros para os participantes nun certame de Corales. 4.053,50 euros na comida de entrega dos premios Cidade de Pontevedra, 1.950 euros en 65 pulseiras de regalo ou 4.650 euros en dúas Teucro de prata son outros dos gastos asumidos ao longo do ano 2014 que cuestionan os 'populares'.
O número tres da candidatura do PP ás eleccións, Rafael Domínguez, detallou un a un estes gastos, dos que asegura que "no estamos diciendo que sean ilegales, estamos diciendo que son inmorales" e comparou esta "despilfarro" cos fondos destinados a axudar aos máis necesitados do municipio en plena crise económica, pois o convenio asinado co comedor de San Francisco ascende a tan só 12.000 euros anuais, isto é, 33 euros ao día, cando cada xornada serve a comida e entrega bocadillos para cear 160 persoas.
MAREA PONTEVEDRA
Igualmente o candidato de Marea Pontevedra á Alcaldía, Luis Rei, referiuse aos gastos xerados polo goberno bipartito BNG-PSOE no Concello, sinalando que no último ano costou a todos os cidadáns máis dun millón de euros, concretamente 1.356.000 euros.
Segundo os datos ofrecidos en rolda de prensa por Luis Rei, segundo o presuposto de 2014, este gasto desglosase en 775.000 euros foron para dedicacións exclusivas, 119.000 en gastos de representación e 156.000 euros en asignacións dos grupos e 305.000 na contratación de asesores.
Nos catro anos que durou o pacto, segundo Luis Rei "costounos cinco millóns e medio de euros e dicir, moi preto de mil millóns de pesetas" e valorou "parece demasiado, especialmente para uns señores que non foron quen de sacar adiante cousas importantes, entre outras, un PXOM".