Compromiso por Galicia anima aos "desencantados do PSOE" a que lles voten
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/dbf/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/555b9df4b2-20150519-santome-mitin-compromiso-por-galicia-106.jpg)
© Daniel Santomé
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/19c/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjK0UipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0inJL1CyrgUA_/555b9e8f43-20150519-santome-mitin-compromiso-por-galicia-067.jpg)
© Daniel Santomé
En Pontevedra, nun acto xunto á candidata á alcaldía, Pilar Dopazo, o secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, pedíu este martes o voto para a súa formación de todos os "desencantados do Partido Socialista", porque, "o galeguismo e a socialdemocracia militan agora en Compromiso por Galicia".
Bascuas afirmou que "o único xeito de garantir a defensa das políticas sociais desde o compromiso co país, sen extremismos e gobernando para todas e todos é que Pilar Dopazo estea na nova corporación do Concello de Pontevedra despois do día 24". Por iso insistiu aos desencantados do PSOE que pensan na abstención: "quedar na casa non axuda a cambiar as cousas, votar Compromiso si".
O líder galeguista explicou que "Compromiso preséntase a estas eleccións para dar resposta ás persoas que buscan un proxecto de cidade e de país, pensado para toda a cidadanía, e rexeitan ós que gobernan só para os seus, ou incluso máis, contra todos os que non o sexan".
A candidata, Pilar Dopazo, pediu o voto para Compromiso para "facer cidade entre todas e todos, porque formamos parte de Pontevedra". Explicou un proxecto baseado na transparencia e dirixido á xente de a pé, do centro e do rural, que "atenda ás demandas de emprego e de atención das persoas con maior necesidade". Propuxo a eliminación de asesores, viaxes e festas do orzamento municipal para dedicar estes cartos á creación de emprego e servizos sociais.
O programa de Compromiso por Galicia para Pontevedra inclúe a creación do Clúster das Artes, que faría da cidade "a capital do deseño e, consecuentemente atraería empresas e con elas o emprego", aseverou Dopazo.
Ao acto acudiu tamén un dos cabeza de cartel máis novos destas eleccións, o candidato por Poio, Cristobal Mora.