"A Xunta presentouse ao premio de Dubái. Como non llo deron, Feijóo critícao. Debería caerlle a cara de vergonza"
Co "aval do traballo de todos estes anos", pero coa convicción de que "aínda queda moito por facer". Así se presenta Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, 1954) á reelección como alcalde de Pontevedra. Tras 16 anos á fronte do concello, asegura que se presenta con "máis ilusión que nunca" para o que podería chegar a ser o seu quinto mandato consecutivo na capital da provincia.
Aínda que elude en todo momento falar dunha posible maioría absoluta, nesta entrevista con PontevedraViva reitera en varias ocasións que espera que os pontevedreses lle outorguen o próximo 24 de maio unha "maioría suficiente" para non ter que depender de posibles pactos de goberno con outras formacións. Porque se algo ten claro é que os seus rivais "coinciden maioritariamente en contra do modelo que estamos desenvolvendo".
Como valorarías esta campaña que está a piques de rematar?
Nós afrontámola con moita ilusión e moitas ganas, porque cremos que podemos, unha vez que fixemos o máis difícil, sacarlle rendibilidade a este modelo urbano que hai que complementar e trasladar a todos os ámbitos do municipio, xa sexan barrios ou parroquias. O que estamos ofrecendo é capacidade de xestión, coherencia e honradez e, sobre todo, seguir traballando nesta liña. Trataremos de chegar ata onde poidamos e sempre contando coa opinión da maioría da xente. Iso é a democracia real, a outros ese termo lle queda grande.
Nalgunha ocasión tes dito que vos sentides como se isto fora o BNG contra o resto, por que?
Eu creo que si. Excepto en cuestións moi puntuais, os demais partidos coinciden en todo. Maioritariamente en contra dun modelo espectacular que estamos desenvolvendo e que queremos trasladar a barrios e parroquias. Un modelo que está sendo premiado en todas partes. Por iso nós dicimos que vai a ser dificultoso chegar a acordos posteriores ás eleccións. Queremos que os cidadáns saiban iso e que nos dean a maioría suficiente para non ter que someternos a presións que van en contra dos intereses xerais dos pontevedreses.
E cres que para iso hai renovación suficiente na vosa candidatura?
Hai unha renovación razoable. A segunda da lista é unha moza de 30 anos e xente nova con proxección de futuro subiron á parte alta da candidatura. É necesario porque non vamos a levar as mesmas persoas eternamente, pero tamén é certo que a experiencia é un grao. Se nós temos unha garantía de gobernar con sentidiño a cidade e de xestionar un proxecto que é un referente, merecemos un respecto. Non somos dinosauros.
É dicir, hai BNG en Pontevedra máis alá de Lores?
Eu creo que si. Creo que estamos renovando a forza política e incorporando xente nova, pero este é un proxecto de cidade complexo de levar adiante e necesita certa continuidade e coñecemento interno do funcionamento da administración, certa coherencia e certo grao de madurez. Os proxectos que son importantes levan tempo executalos. Se ten avanzado moito, se fixeron grandes cousas, hai unha percepción favorable, se entende que o importante son os espazos públicos para todos… pero a isto hai que sacarlle a máxima rendibilidade.
"Queremos seguir sendo un referente mundial en calidade urbana, en como facer as cousas para que as cidades sexan lugares vivibles e espazos de convivencia"
Que queda entonces por facer a ese respecto?
Estamos moi orgullosos do que levamos feito ata agora entre todos, porque eu sempre digo que se Pontevedra non tivese uns cidadáns tan participativos, sería imposible sacalo adiante. Todo o mundo demanda lombos, calmar o tráfico nas súas rúas… piden melloras en xeral. Nós non fixemos isto sos, senón cunha parte significativa da sociedade, probablemente coa parte máis dinámica e con certa visión de futuro. Son xente que se senten orgullosos da súa cidade.
Pero isto non rematou. Hai que renovar zonas nas que non se actuou, facer un mantemento continuo, mellorar o mobiliario urbano, a iluminación, seguir avanzando na accesibilidade universal... E sobre todo estendelo a barrios e parroquias. Nelas se fixo un esforzo importante estes anos, pero hai que seguir traballando para enchelas de vida. E como dicía antes, promocionar aínda máis a cidade exteriormente.
Entón, o dos premios non rematou?
No, isto empezou agora. Nos están chamando todos os días e nós queremos potenciar iso, queremos seguir sendo un referente mundial en calidade urbana, en como facer as cousas para que as cidades sexan lugares vivibles e espazos de convivencia. E iso xera retornos á cidade en visitas. Que a ONU ou Nova York te dean un premio fai máis atractiva a cidade para a xente veña a facer turismo, celebrar un congreso ou o que sexa. Que garantía temos de que iso siga sen o BNG? Ningunha. Queren tombalo. Se non seguimos no goberno, todo isto que gañamos e que ninguén pensaba que podía pasar en Pontevedra, vaise ir ao tacho.
Tes asumidas as críticas a estas viaxes? Entendes que a oposición pida saber canto custan?
Mira, o alcalde representa a Pontevedra, hai que viaxar con dignidade. Nós procuramos gastar o mínimo posible. Eu estiven en hoteis de 30 euros. Iso non o saca a oposición. É dunha cutrería e unha mesquindade absolutamente espectacular. Di ti que a xente tampouco lle fai caso, porque é máis lista que todo iso. A min me cae a cara de vergonza que alguén que é elixido polos cidadáns se dedique a estas mesquindades. Moreira é un señor que non defende os intereses da cidade. Só se dedica a defender os intereses do PP e da Xunta.
Tamén Núñez Feijóo se sumou a esas críticas…
Critica a esta cidade e que o alcalde vaia a Nova York e Dubái, pero igual a xente non sabe o que vou contar. Feijóo presentouse como Xunta de Galicia ao premio de Dubái. Outra cosa é que non llo deron e entón, critica o premio. Hai que ser hipócrita. Que o pensara antes de presentarse. Debería caerlle a cara de vergonza. Un presidente da Xunta ten que estar por riba desas cousas.
Tamén nos acusan de falta de transparencia. E nós somos un exemplo do contrario. Viste alguén que non puidera entrar nun pleno como en Vigo ou Vilagarcía?. Ou sacamos unha señora de 82 anos do Parlamento porque tirou un panfleto?. De qué estamos falando? Houbo algunha moción que non se tratara no pleno? Négase o acceso a un expediente?. Aquí non se oculta absolutamente nada. Están mentindo. Somos o concello máis transparente e democrático que pode haber.
Sexa como sexa, a vosa relación nunca foi boa. Tan difícil é que vos entendades?
É que non fixo nada por esta cidade. Eu teño a obriga de chegar a acordos polo ben desta cidade. Fágoo con Louzán ou coa ministra de Fomento, que mantén un mínimo respecto por Pontevedra. Xa me gustaría facer iso co presidente da Xunta. Eu non podo falar ben del, porque non hai nin unha consellería que colabore directamente con esta cidade. Non fai nada por Pontevedra, salvo xustificar os recortes en todos os asuntos. E xa que se dedique a criticar que viaxes a recoller premios e poñer a cidade no mapa é unha falta de ética e de todo.
Falemos do emprego ou, máis ben, da falta del na cidade. Que se pode facer con isto?
O desemprego é a miña preocupación. Pero dito isto, teño que apuntar que o nivel do paro rexistrado está exactamente na media das cidades galegas. Aínda así, todos os euros que saen deste concello van para dinamizar sectores distintos. Pagamos relixiosamente a funcionarios e provedores, pagamos ás empresas que fan obra pública, investimos en eventos deportivos, actividades festivas e culturais, potenciamos o comercio, organizamos feiras e congresos… incluso cando pagamos un pincho estamos xerando actividade económica.
"Levamos sesenta anos sufrindo a peste que é ENCE e xa está ben. É toda unha vida. Que se ubique onde consideren convinte, pero nós queremos recuperar a ría"
A min que me diga que empresas non se instalaron en Pontevedra por culpa do Concello. Ou que pechara unha empresa porque o Concello non paga. Hai terreos no Campiño, en Barro-Meis ou A Reigosa a punta pala. Con todo, fixemos un novo planeamento con tres millóns de metros cadrados de terreos industriais e a Xunta tombounos todos. Tamén o crecemento da cidade. Hai que ter cara. Nós fixemos os deberes. Pero claro, cando te topas con alguén que te di que non porque non me sae das narices, non hai nada que facer.
E que pasa con ENCE?
Se fai moita demagoxia con ENCE. Significou bastante más que agora en tema de emprego, sen que fora nunca imprescindible. Con todos os respectos aos postos de traballo, entendemos que a ría debe liberarse e ocuparse con outras actividades económicas máis acordes co medio ambiente. E se a empresa quere seguir producindo en Galicia, que gaste as pelas nun traslado e que produza o que queira.
Levamos sesenta anos sufrindo esta peste e xa está ben. É toda unha vida. Que se ubique onde consideren convinte, pero nós queremos recuperar a ría, os Praceres, a praia de Lourizán, ter unha zona descontaminada para o marisqueo, os deportes náuticos e a saúde pública. Hai que elixir. Ou eliximos os intereses dos accionistas de ENCE ou os dos cidadáns de Pontevedra. E aquí parece que algúns só poñen o grito no ceo por ENCE, pero é porque hai intereses detrás.
Hai quen non entende a vosa oposición a ENCE e o respaldo á planta de compostaxe…
É un problema de racionalidade. É de sentido común. Estamos mandando o noso lixo a Sogama para queimalo e tiralo nun vertedoiro. Non é recibo no século XXI. Xa o intentamos facer no primeiro mandato e non se daban as condicións. Agora, a Xunta aposta por este sistema, hai un protocolo asinado coa Deputación, temos un acordo cos comuneiros… A oposición a este proxecto é irracional, porque non hai argumentos e é unha cuestión partidaria. Non tes nin pés nin cabeza. Se está sacando de quicio este tema. O normal é que todos estiveran a favor deste tema e arrimaran o ombreiro para facelo realidade. Non me valen escusas.
Máis consenso hai, polo menos na corporación, con respecto a A-57, non si?
Nós levamos desde que eu estaba na oposición no concello, demandando unha circunvalación para esta cidade. E cando, cun retraso espectacular, parece que vai para adiante o que non podemos é tirar pedras. Somos unha administración seria. Que respecten o ambiente e que fagan as medidas correctoras necesarias, pero o tráfico pesado non pode seguir pasando pola cidade. Hai zonas de Marcón ou Tomeza nas que os veciños non poden nin cruzar a estrada. Non hai un minuto libre. Se me dan outra alternativa a mi me vale, pero é que non a hai.
Antes de rematar, non me resisto a non preguntar polos lombos ou o transporte público …
Seguiremos poñendo lombos alí onde os demanden os veciños, como ata o de agora. Para o transporte urbano, estamos de acordo en coordinar ao máximo posible as liñas interurbanas que son competencia da Xunta para que dean un mellor servizo ás parroquias. Pero o que non estamos dispostos é a gastar millóns en pagar un transporte que non sexa operativo. Hai alternativas que estamos estudando como o transporte a demanda en colaboración cos taxis ou pequenas furgonetas.
"É moi difícil que poidamos pactar. Hai unha radicalización irracional de certas posicións que buscan marcar diferenzas que son contraproducentes e que están pechando portas"
E hai aparcamentos suficientes?
Temos un sistema de aparcamentos que non ten ningunha cidade. A menos de cinco minutos do centro e gratuítos están A Xunqueira, Mollabao, A Parda, a avenida de Vigo… Logo tes os soterrados, que son máis baratos que Vigo ou Santiago; ou os aparcamentos de servizos para facer unha xestión rápida. Non hai escusa. Cada día circulan pola cidade 100.000 vehículos. Non hai espazo para todos. É de sentido común. Aínda que aparcáramos na Peregrina. Ou rotamos as prazas que hai ou os deixamos fóra da cidade. Non hai outra solución.
Antes de rematar, deamos un salto ata o 25 de maio. A posible entrada de novas forzas na corporación, será boa para a gobernabilidade do concello?
A min todo o que sexa aportar paréceme positivo, pero eu sinceramente e con todos os respectos non vexo novas forzas. Son partidos que xa se presentaron e non sacaron representación, como Esquerda Unida. Hai outra xente que fala de renovación e de cambio e ía na lista anterior do PP ou outra relacionada coa actividade político e empresarial desde hai anos. Non hai nada novo.
E neste escenario, son posibles os pactos de goberno?
Non cremos que nós teñamos que demostrar que podemos chegar a acordo, porque xa o fixemos en varias ocasións. O que pasa é que a situación está tan encontrada que é moi difícil que poidamos repetir calquera pacto. Hai unha radicalización irracional de certas posicións que buscan marcar diferenzas que son contraproducentes e que están pechando portas. Eu, en todo caso, intentarei representar a gran maioría social da cidade e seguir construíndo unha cidade cohesionada, activa e democrática. Ese é o noso obxectivo.
Relacionadas:
-
Lores, aos seus votantes: "Que non se confíen. Fan falta todos os votos para que non deamos unha volta atrás"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Lores presenta as noventa medidas que porá en marcha durante os primeiros 100 días de goberno
Por Alejandro Espiño |
-
Lores, no mitin central do BNG: "As cidades que queren avanzar miran para o que se fai en Pontevedra"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra conquista Nova York: "Sodes un modo de dicirlles a moitas cidades que podemos facer iso"
Por Alejandro Espiño |