Espazos accesibles, abertos e libres
Por Redacción
Xunto á peonalización do centro histórico, a eliminación de barreiras arquitectónicas e por tanto a consecución dunha cidade accesible, foi unha das primeiras accións que o Concello comezou a aplicar para o desenvolvemento do modelo de cidade.
Esas primeiras actuacións acometéronse en exteriores de espazos públicos, en vías urbanas, novos espazos públicos e privados, ou mesmo en servizos de transporte.
Para tal obxectivo, contouse coa colaboración de colectivos vinculados coa discapacidade, tanto de ámbito local, como autonómico ou nacional. De igual maneira os técnicos municipais planificaron o seu traballo tendo en conta este propósito e que tanto persoas con discapacidade, menores, maiores, ou adultos con carriños poidan gozar de todos os espazos da cidade.
O Cermi, o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade, outorgou a Pontevedra en 2007 o seu premio anual no apartado á mellor acción autonómica ou local. Recoñecía así unha serie de actuacións que fixeran de Pontevedra un espazo accesible, aberto e libre para todas as persoas. No mesmo ano, a Asociación Amigos de Galicia concedeu o Premio Manuel Ignacio Piñeiro, polas actuacións de eliminación de barreiras arquitectónicas.
Superadas estas trabas, o Concello contempla continuar coa eliminación doutro tipo de barreiras que supoñan a plena integración e igualdade entre persoas con e sen discapacidades.