O modelo de cidade está a chegar ao rural
Por Redacción
Dos máis de 83.000 habitantes que ten Pontevedra, ao redor do 25% da poboación reside na zona rural; área municipal que conforman 15 parroquias. Como non podía ser doutra forma, o Concello de Pontevedra tamén ten en conta no deseño e aplicación do seu modelo de cidade no rural do municipio.
Con esa intención elaboráronse plans específicos para as parroquias do rural. Plans, que tras un estudo de situación e consensuados cos Consellos Parroquiais, organismos que reúnen a todos os colectivos de cada zona, realizan propostas de diversa índole: posta en valor do seu patrimonio cultural -tanto material como inmaterial-; melloras ambientais, de infraestruturas, de servizos, de dotación e equipamentos, así como de mobilidade e seguridade viaria.
No que refire a este último apartado, o denominador común nos núcleos de poboación rurais do municipio é a obrigada convivencia entre o tránsito peonil e o tráfico rodado. Para iso, trazouse un ambicioso plan para trasladar os estándares de calidade urbana -en materia de mobilidade, accesibilidade e seguridade viaria- ao rural que se comezou a executar xa nalgunhas destas parroquias.
A iso contribuirá a creación de núcleos de centralidade parroquial, aqueles lugares que aglutinen a maior parte da vida colectiva dos seus habitantes. Tamén se proxecta fomentar o transporte en bicicletas e así se traballa, a medio ou longo prazo, na execución de ciclovías por todos os núcleos rurais
No plano ambiental, continúase traballando no saneamento integral. O medio forestal tamén é obxecto de iniciativas desde a posta en marcha do programa Monte Vivo. De igual maneira, esa riqueza natural potenciouse como emprazamento de lecer e goce dos cidadáns, a través da mellora e recuperación de sendas e rutas.
Construíronse ou reformáronse centros socioculturais, para fomentar a convivencia veciñal. Son diversos os programas emprendidos e accións acometidas para a recuperación do patrimonio cultural. Exemplos visibles son a recuperación e protección de pontes, muíños, fontes, pazos ou lavadoiros e da toponimia autóctona, no caso do patrimonio inmaterial.