Con Pablo chegou o delirio
Por Redacción
Unhas 8.000 persoas, moitas delas esperando horas e días á intemperie para ver ao seu ídolo en directo, converteron a Pablo Alborán no protagonista do concerto de pago máis multitudinario do ano en Pontevedra. O malagueño, o artista que máis discos vende en toda España, actuou en setembro na chaira do Recinto Feiral e repasou os grandes éxitos da súa carreira cun entusiasmo que encandeou aos seus fans.
Non quedaron atrás o concertos das festas da Peregrina, estes gratuítos como sempre. Polo escenario da praza de España pasaron, entre outros, Luz Casal, Macaco, Abraham Mateo ou Sés. Miles de pontevedreses gozaron cunha completa oferta que, antes da tradicional Feira Franca, puxo a guinda a unhas Festas de Verán que volveron encher de vida as rúas e prazas da cidade durante máis de dous meses.
Pero máis aló dos concertos, o ano cultural na cidade do Lérez estivo marcado polo Día das Letras Galegas que, nesta ocasión, estivo dedicado ao escritor e intelectual pontevedrés Xosé Filgueira Valverde.
Foron moitos os actos e eventos culturais que ao longo de todo o ano celebráronse en Pontevedra e, especialmente, no museo que dirixiu durante 44 anos, para render homenaxe á súa figura.
Ademais, neste 2015 Pontevedra seguiu reivindicando o seu lugar predominante no mapa cultural de Galicia con novas edicións de festivais, feiras e actividades que seguiron marcando o paso no sector.
Como Culturgal, que visitaron máis de 15.000 persoas; os ciclos de teatro Domingos do Principal, Ponteatro ou Summum Teatro, que atraeron ás principais figuras da escena galega e nacional; o Salón do Libro Infantil e Xuvenil, dedicado este ano á ciencia e á ficción; o festival Surfing the Lerez, que encheu de música e bo ambiente a Illa das Esculturas; ou toda a programación cultural e expositiva tanto do Pazo da Cultura como de Afundación.
Relacionadas:
-
Culturgal pecha a oitava edición con cifras de público similares ás de 2014
Por Redacción |
-
Pablo Alborán conquista aos seus fans pontevedreses
Por Diego Torrado |
-
Filgueira Valverde, protagonista da cidade da mañá á noite
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
34.000 persoas exploraron a ciencia e a ficción do XVI Salón do Libro
Por Redacción |