Millóns autonómicos para grandes proxectos en marcha
![Diego](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/5df/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/570532d2ea-20160329-patxot-diego-espino-1009.jpg)
Por Diego Espiño
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/ab3/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/59c1329dd9-20170919-patxot-visita-obras-a-parda-022.jpg)
© Mónica Patxot
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/3e8/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/59c132a057-20170919-patxot-visita-obras-a-parda-028.jpg)
© Mónica Patxot
Durante o ano 2017 Pontevedra viu como se daban sólidos pasos cara a adiante para que importantes proxectos na cidade se convertan en realidade máis pronto que tarde.
Así quedou reflectido nos orzamentos da Xunta de Galicia para o próximo ano, dados a coñecer no mes de outubro e que ata o Concello de Pontevedra celebrou ao entender que supoñían o final do "veto" investidor da administración autonómica na Boa Vila, superando nove anos que César Mosquera cualificou de "época terrible".
Entre os proxectos que contarán con importantes partidas de finnaciamento atópase o Gran Montecelo. O goberno galego revelou este ano cales son os seus plans para o complexo sanitario, no que se investirán 140 millóns de euros, 115 millóns para a construción dun novo edificio e outros 25 para reformar os inmobles actuais, ao que se sumarán equipamento de "última tecnoloxía", segundo recoñeceu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Entre os novos servizos contemplados para Montecelo atópase por fin unha UCI pediátrica e neonatal, así como unha unidade de oncoloxía radioterápica e unha unidade de diagnóstico por medicina nuclear. As previsións, sinalaron, sitúan o inicio das obras no ano 2019.
Outra reforma que centrou o foco de atención é a da antiga sede autonómica de Benito Corbal. Coñecidos os plans do goberno galego, en setembro autorizouse a contratación das obras, que arrincarán finalmente a principios de 2018 cun investimento total que superará os 5 millóns de euros.
Onde empezan a verse progresos, pese ao atraso acumulado de tres meses anunciado no seu momento, é no novo edificio xudicial da Parda, onde continúan os traballos para tentar concluír a instalación no próximo mes de setembro.
A estación intermodal é outra das aspiracións de Pontevedra, que viu como se deu o primeiro paso ao adxudicar a redacción do proxecto construtivo para a primeira fase da obra, na que se integran as terminais de autobús e de trens.
A reforma da ponte da Barca, o pavillón deportivo da Parda ou a Variante de Alba foron outras dúas insfraestructuras que ocuparon a actualidade na relación entre o Concello de Pontevedra e a Xunta de Galicia nos últimos 12 meses.