Dobre medalla española na proba feminina do Mundial de Longa Distancia, con Saleta Castro novena
Por Diego Espiño & Xan Xiadas
A competición feminina do Mundial de Tríatlon de Longa Distancia deixou tamén grandes resultados para o equipo nacional e para unha deportista local, unha Saleta Castro que cumpriu os seus obxectivos de estar entre as 10 primeiras finalizando nun espléndio noveno posto.
A pontevedresa foi a cuarta española na proba, xa que Judith Corachán e Anna Noguera conseguiron de maneira brillante subir ao podio final coas medallas de prata e bronce tras a belga Alexandra Tondeur (5:48:01).
Sobre o papel presentábase un abanico amplo de favoritas na carreira, e o certo é que esa igualdade non defraudou. A natación estivo dominada pola danesa Padiola Pedersen (24:20), que avantaxou na saída da auga en 40 segundos ás súas perseguidoras. A primeira a suíza Emma Bilham pero coa española Anna Noguera ao seu ronsel e tamén a figura local, Saleta Castro, cuarta ao termo do primeiro sector.
A pesar da distancia, en Cerponzóns no inicio da primeira volta ciclista, a cabeza de carreira xa se xuntou con Bilham, Pedersen e Noguera en poucos metros. A suíza sufría un problema mecánico que a atrasaba, pero sumábanse á cabeza de carreira outras aspirantes como a francesa Manon Genet, a belga Alexandra Tondeur e outra española, Judith Corachán, mentres que Saleta caía ata a novena praza aínda que dentro da súa meta.
Dúas representantes do equipo nacional como Anna Noguera e Judith Corachán mantiñan intactas as súas opcións de pelexar polo podio, aínda que cedían algo de distancia na segunda pasada ao esixente circuíto ciclista.
Ao termo dos 106 quilómetros sobre dúas rodas Pedersen lideraba a proba Manon Genet ao seu ronsel e Alexandra Tondeur terceira. Tras elas facíase un corte importante ata a chegada de Anna Noguera e Judith Corachán a máis de 4 minutos. Saleta Castro entraba no CGTD décima (+19:02) e empezaba a correr nunha gran situación.
Pedersen paraba e a francesa Genet tomaba a dianteira, con Noguera pelexando por un exitoso bronce ao que tamén aspiraba Corachán. Castro pola súa banda mantiña un bo ritmo que lle permitía situarse no oitavo lugar.
Na cabeza os quilómetros pasaron factura a Manon Genet, que non só cedeu o liderado senón que na última volta terminou perdendo a súa praza no podio en beneficio do dúo español, no que Corachán atacou para facerse co subcampionato mundial.
Neste tramo final Saleta Castro soubo sufrir para chegar a meta cun tempo de 6:08:23, novena, superada por Gurutze Frades.
Relacionadas:
-
A Junta de Extremadura premia a Pontevedra pola organización do mundial ITU Multisports de tríatlon do 2019
Por Redacción |
-
Pablo Dapena e Saleta Castro axudan a Galicia a subir ao podio do Nacional por Autonomías
Por Diego Espiño |
-
Saleta Castro remata quinta no Ironman de Frankfurt e se supera a si mesma na cita
Por Sofía Lorenzo |
-
Pontevedra desborda na derradeira xornada do Mundial de Tríatlon
Por Redacción |
-
Javi Gómez Noya: "Foi duro, pero competir na casa dá alas e puiden sufrir, loitar e dar o mellor de min mesmo"
Por Sofía Lorenzo & Xan Xiadas |
-
VÍDEO.- Pontevedra explota de xúbilo co ouro mundial de Gómez Noya e a prata de Pablo Dapena
Por Diego Espiño & Xan Xiadas |
-
Pablo Dapena, Gómez Noya e Saleta Castro, a por todas no Mundial de tríatlon de longa distancia
Por Diego Espiño |
-
Os profesionais, críticos cunha probable redución da natación no Mundial de Longa Distancia
Por Diego Espiño |
-
Cristian Fernández e o incombustible Manuel Cruces, medallistas pontevedreses no Mundial de acuatlón
Por Diego Espiño & Xan Xiadas |
-
Tripla medalla galega nas probas sub-23 e júnior do Mundial de acuatlón
Por Diego Espiño & Xan Xiadas |