Rumbo ao 26M: compara as propostas dos partidos para a promoción económica de Pontevedra
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
Os programas electorais dos partidos políticos que pugnan por facerse cun oco na Corporación municipal que sairá das eleccións do próximo 26 de maio permiten albiscar cal é a Pontevedra que quere cada un. Non resulta posible comparalos ao pé da letra en todos os seus apartados pola gran diversidade das propostas duns e outros, pero PontevedraViva seleccionou seis aspectos para tentar confrontar a idea de cidade de cada un.
Cultura, deportes, modelo urbano, rural, dinamización da cidade e promoción económica van ser debullados. Os proxectos para outros ámbitos importantes para a cidadanía poden consultarse no especial electoral que publica a diario este xornal.
Estas son as propostas dos distintos partidos para a promoción económica da cidade:
BNG:
- Apostar por novos espazos para a economía colaborativa e o emprendedurismo que teñen coma eixo a creatividade como nicho de emprego na cidade: cesión de baixos comerciais baleiros en cesión a novos emprendedores e activación do espazo de Santa Clara como espazo de economía social grazas á iniciativa municipal 'A Redeira'.
- Deseño de novas misións comerciais aproveitando a fortaleza da modelo de cidade.
PP:
- Posta en marcha de medidas que permitan loitar contra o principal problema que ten Pontevedra: o paro. Pasan pola elaboración dun novo PXOM, creación dun polígono comercial e loxístico ao sur da cidade, impulso definitivo ao polígono de O Vao, supresión da peaxe a Barro e instalación dunha fábrica que peche o ciclo do papel.
- Medidas de apoio ao pequeno comercio que permitan revitalizar o comercio local, un dos motores económicos de Pontevedra.
PSOE:
- Implementar unha liña de axudas á contratación (2.000 euros por contrato), que suporía un 25% dos costes laborais totais dos 12 primeiros meses de contrato.
- Medidas para facilitar o acceso de emprendedores a locais comerciais, con axudas de ata un 50% no prezo do aluguer anual, cun máximo de 4.000 euros e garantindo unha permanencia mínima.
MAREA PONTEVEDRA:
- Crear no Concello un servizo de fomento do emprego que xestione recursos propios e capte fondos europeos, do Goberno e da Xunta.
- Contratar persoas desempregadas para o mantemento de beirarrúas no centro urbano e de pistas forestais nas parroquias.
CIUDADANOS (Cs):
-
Creación dunha contorna startup: da idea á realidade empresarial.
-
Portelo único empresarial que xestione os trámites administrativos municipais, autonómicos e estatais para a creación dunha empresa en menos de 72 horas.
COMPROMISO POR GALICIA (CxG):
- Creación da Oficina do Autónomo, que busca funcionar man con man cos coworking da cidade. Ofrecerá servizos que agora un emprendedor só obtén mediante o seu investimento, tales como a asesoría estratéxica, estudos de mercado, busca de inversores ou asesoría fiscal.
- Implantación dun programa municipal de captación de inversores. Pontevedra non ha de ser só unha cidade de servizos, ten que aspirar a medrar e precisa crear tecido industrial.
PODEMOS:
- Medidas de colaboración con outras administracións para impulsar un plan urxente de emprego e formación para parados de longa duración: creación dun fondo con financiamento FEDER ou similar que apoie os proxectos de creación de espazos e servizos para as Pemes locais e que contribúa á contratación de persoas desempregadas maiores de 45 anos e con responsabilidades familiares.
- Reducción do custo en tempo e trámites: redefinir procesos e establecer un centro de atención ás Pemes que poida reducir os tempos de trámites requiridos nas licenzas, os permisos de funcionamento ou todo o relativo ao pago de impostos municipais.
VOX:
- Beneficios fiscais para novas actividades económicas durante os seus dous primeiros anos de apertura.
- Creación dun servizo de portelo único para asesorar e facilitar a implantación empresarial en Pontevedra.