Por un San Valentín con amor propio e corazóns morados
Por Natalia Puga
Prestarse máis atención a unha ou un mesmo. Ese debería ser, para o Colectivo Feminista de Pontevedra, o mellor agasallo para este San Valentín. Coincidindo coa postura que desde hai anos sostén o movemento feminista de todo o mundo, desde a cidade do Lérez tamén se quere apostar polo amor propio como punto de partida para o resto de relacións afectivas.
"Sempre se fai un agasallo a outras persoas, pero esquécese o amor propio. Non esperes que a túa parella che regale algo. Teñas ou non parella, regálacho a ti mesmo". É un das mensaxes que quere lanzar Jennifer Iglesias, presidenta deste colectivo pontevedrés, que, a preguntas de PontevedraViva, aproveita esta data para chamar a atención sobre o feito de que o amor compartido con outra persoa é marabilloso, pero nunca será san de verdade se non temos amor propio e non nos coidamos a nós mesmos.
Amor propio e feminismo van da man e así debería ser tamén en San Valentín, unha data na que moitas veces se pensa só na parella e regálase para agradecer ou celebrar o seu amor, mesmo se se trata dunha persoa que está ao teu lado, pero non te acompaña, non te coida, non te quere e, mesmo, trátate mal, xa sexa física ou psicoloxicamente. Moitas veces celébrase neste día unha relación pouco sa ou tóxica e esquécese de coidarse a un mesmo.
"Cando empezaremos a darnos corazóns violetas a nós mesmas?", pregúntase Jennifer Iglesias, en alusión aos corazóns de cor vermella que desde hai días asolagan os escaparates, que aposta por substituír polo mesmo formato, pero en cor morada, o que representan ao feminismo, a igualdade e a sororidade entre mulleres. "Apostamos por corazóns morados para nós, para querernos a nós mesmas", engade.
Así, esta feminista pontevedresa anima á poboación a non perderse en relacións que tentan este día tapar cun agasallo uns malos tratos constantes as outras 364 xornadas do ano. "Señora, sálvese, non lle acepte os bombóns da gasolineira a Manolo", sostén, referíndose a que moitas veces o único que fai a outra persoa é recorrer a un agasallo de última hora ou urxencia para tapar un déficit de amor o resto do ano.
"De nada vale que agasallen despois de pegarnos unha malleira. De nada vale que nos agasallen despois de ternos baixo submisión e control continuado. De nada serve agasallar despois de ser tratadas como escravas e responsables da carga familiar e laboral á que somos sometidas", sinalaban desde o Colectivo Feminista de Pontevedra nas súas redes sociais en 2022 con motivo deste día.
Lembran, así, que en moitas ocasións está a celebrarse unha relación insana na que "primeiro che dá unha malleira e logo regálache rosas" ou na que un agasallo é, ás veces, en realidade, unha procura de perdón por todo un ano sen o amor que se celebra ese día. Ou, mesmo, atarte. É un mal agasallo ou un mal querer cando se regala algo para atarte, sinalan desde este colectivo feminista, que alerta sobre os mitos do amor romántico que xustifican o control, o sometemento ou a violencia como sinais de amor.
Aproveita esta data para alertar sobre o "mal querer" que moitas veces se esconde tras as relacións e que en non menos ocasións xorde porque non temos claro que "a primeira persoa á que hai que querer é a un mesmo". Así, insiste en que "cando sabes o que vales como persoa, toda cambia, primeiro amor propio para poder demostrar aos demais o teu amor. Empezar por ti para que os demais te queiran ben, non mal".
Indica, ademais, que non pasa nada por non estar en parella neste día de oda ao amor, pois "hai moitas formas de demostrar agarimo" e moitas formas diferentes de amor fóra dos canons heteropatriarcais.
"O amor é infinito, aberto, diverso e colorido: non se pode reducir só á parella. O patriarcado fainos crer que é o Gran Amor das nosas vidas, que os demais afectos non son tan importantes, que ningunha experiencia amorosa pódese comparar á do romanticismo. E non é certo: somos seres sociais que necesitamos aos demais para sobrevivir e para ser felices", alerta a antropóloga Coral Herrera Gómez, autora de libros como Cómo disfrutar del amor, herramientas feministas para trabajarse lo romántico ou Hombres que ya no hacen sufrir por amor: Transformando las masculinidades.
O feminismo manifestouse neste sentido en múltiples ocasións e Henar Herrera lembra que "hai que desmitificar o amor romántico como a única vía para ser feliz: hai moita xente que nos quere e nos aprecia, hai moitas formas de relacionarse e de convivir, moitas maneiras de construír vínculos fermosos coa xente. É cuestión de liberarnos da dependencia romántica para tecer redes afectivas que enchan as nosas vidas de xente fermosa, para multiplicar e expandir o amor". E en San Valentín pódense celebrar todos eses tipos de amor.
O Colectivo Feminista de Pontevedra difundiu o ano pasado, coincidindo con San Valentín, unha campaña na que alertaba de que "detrás da idea do amor romántico escóndense moitas outras ideas fundacionais de como debemos de ser tratadas (princesiñas, protexidas, bonequiñas, as sustentadoras da vida, as encargadas de facer tarefas de coidados...)".
Alertaba tamén de que esta data pode esconder "un profundo machismo e patriarcado que se perpetúa con máis forza" e que moitas veces as mulleres "somos tratadas como obxectos e útiles durante todo o ano, e logo, o 14 de febreiro o capitalismo e o patriarcado alíñanse para agasallarnos". Chama a atención sobre agasallos que moitas veces son "obxectos que perpetúan os roles impostos socialmente" ou "agasallos para agradecernos o rol escravo que temos na sociedade onde coidamos, criamos, limpamos etc.".