Iván Puentes destaca a súa xestión en Medio Ambiente e os 25 millóns que o Goberno destinará a Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O candidato socialista á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, e a presidenta do PSdeG, Carmela Silva, visitaron este luns as vellas instalacións do Parque de Maquinaria e da Imprenta Provincial, na desembocadura do río Rons.
Iván Puentes repasou os proxectos en marcha para a rexeneración ambiental da Xunqueira de Alba e a creación dun novo parque neste espazo, ademáis das importantes infraestruturas previstas para esta zona da cidade, insistindo no investimento comprometido polo Goberno de España duns 25 millóns de euros para renaturalizar a ribeira do Lérez no tramo máis urbano de Pontevedra.
"O BNG precisa de interlocución en Madrid que non ten neste momento. Precisa de interlocución nos ministerios que non ten, e ainda por riba cando algúns facemos esa interlocución e conseguimos investimentos históricos para esta cidade dinnos que somos encubridores da mala xestión do Goberno socialista", manifestou Iván Puentes.
O candidato do PSOE lembrou que este compromiso do Executivo central de 25 millóns de euros supón un dos maiores investimentos públicos da historia Pontevedra. O Ministerio para a Transición Ecolóxica asumirá, con cargo aos fondos europeos Next Generation, practicamente o 100% dos proxectos contemplados na estratexia Pontevedra Flúe.
Trátase da reordenación da parcela situada diante do Pavillón Municipal dos Deportes, a restauración das dúas marxes da ribeira do río entre a Ponte dos Tirantes e a das Correntes, a recuperación da Xunqueira de Alba, a recuperación do primeiro treito canalizado do río Rons, ou a recuperación ambiental do dominio público marítimo terrestre en Ponte Sampaio (a parcela do antigo campo de fútbol).
Iván Puentes alertou de que todos estes investimentos "se o Goberno de España cambia de color non me cabe ningunha dúbida de que se poden perder" xa que, para o candidato socialista "o compromiso do PP con Pontevedra quedou claro cal é, que é non executar nada do dito e, ainda por riba en obras coma esta non cren, nin na loita contra o cambio climático nin na transformación ambiental da cidade".
E citou como exemplo os "atrancos" que pon a Xunta para liberar a Xunqueira de Alba das instalacións da súa titularidade. A Deputación ofertoulle un terreo no parque empresarial de Barro para recolocar as súas infraestruturas, pero o Goberno galego reclama non só unha parcela adecuada, senón tamén que garanta o financiamento para materializar o traslado.
Por iso destacou Iván Puentes que "se eu son alcalde de Pontevedra e se nós temos as responsabilidades de Medio Ambiente no seguinte goberno municipal, que estou seguro de que vai ser así, unha das prioridades dos primeiros días de mandato será utilizar toda a maquinaria política e administrativa posible para esixirlle á Xunta de Galicia que saia desta Xunqueira de Alba e que nos permita liberar eses terreos".
Otra prioridade, segundo manifestou, será "dar exemplo" e encargar os proxectos que ten comprometidos "empezando pola rehabilitación da ribeira do Lérez" que "nos seis primeiros meses de mandato ese proxecto estará redactado, estará no Ministerio de Transición Ecolóxica que poderá executar claramente esos fondos".
"Creo que non é nada descabellado dicir que se hai un partido que cumple con Pontevedra é o Partido Socialista", asegurou. O candidato do PSOE engadiu "hai partidos que prometen moito, o Partido Popular levaba desde o ano 2014 prometendo a execución do Nó de Bombeiros, a eterna promesa da pontevedresa Ana Pastor nunca executada, chegou un goberno socialista, chegou Pedro Sánchez e esta semana hai 12 ofertas para executar a obra que será unha realidade en moi pouco tempo. Uns prometen outros executamos".
Relacionadas:
-
Os candidatos do PSOE á alcaldía de Pontevedra e Campo Lameiro prometen unha rede conxunta de sendas fluviais
Por Redacción |
-
Alugueiros a prezos "razoables", obxectivo do parque municipal de vivenda que promete Iván Puentes
Por Alejandro Espiño |
-
Aposta do PSOE por impulsar o uso do galego nunha Pontevedra que está "fortemente castelanizada"
Por Alejandro Espiño |
-
Gómez Besteiro evidencia o apoio do Goberno ao proxecto de Iván Puentes
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Iván Puentes comprométese a dotar Monte Porreiro dunha Unidade de Atención Social
Por Redacción |
-
Iván Puentes promete un programa de bolsas de inglés que financiará estadías no Reino Unido e Irlanda a alumnado de Secundaria
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O delegado de Zona Franca promete ampliar o polígono de O Campiño se Iván Puentes é alcalde
Por Manu Otero |