Aqueles rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos que teñan vocación musical e un proxecto de creación musical, audiovisual ou artística en mente están de noraboa. Xa poden pedir participar nunha nova edición do programa municipal Xeración Sónica.
O prazo de solicitude de inscrición quedou aberto este martes 14 de outubro e as persoas interesadas poden cubrir o formulario que atoparán en apuntate.pontevedra.gal ata o 23 de outubro.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, deu a coñecer os detalles desta nova edición nunha comparecencia acompañado por Violeta Mosquera e Álex Gayoso, parte da equipa de titorización dos grupos que participan neste programa.
As persoas interesadas deberán cubrir un formulario que lles permitirá participar nas audicións que se van celebrar o 30 de outubro.
Tal e como explicaron, aínda que hai 30 prazas, a metade xa están ocupadas por persoas que xa están no programa e continuarán a formación.
A información dos formularios de solicitude de inscrición e as audicións permitirán facer a selección definitiva. En todo caso, Violeta Mosquera aclarou que, nas edicións anteriores, "nunca quedou ninguén fóra".
Durante a presentación explicaron que Xeración Sónica é unha iniciativa que busca a titorización de proxectos artísticos, musicais e audiovisuais, con carácter educativo e cultural, pero non é o lugar axeitado se o que se busca é aprender a tocar un instrumento. Habitualmente, as persoas participantes xa teñen coñecementos previos e neste proxecto buscan darlle forma ás súas ideas e crear un grupo.
O curso remata coa gravación dun disco e de vídeos e inclúe a participación en concertos. Violeta Mosquera e Álex Gayoso destacaron que están "súper contentos" porque a súa última edición foi na que os grupos participantes fixeron máis concertos.
De cara a esta nova edición, anuncian que "intentaremos que esta sexa a folla de ruta" e lograr máis concertos porque "para todos os músicos tocar en directo é súper importante y poder ter estas primeiras experiencias xunto cos compañeiros, obviamente, para nós é superimportante".
O ano pasado houbo sete proxectos, dos que un estaba vencellado ao Local de Música e os outro seis directamente a Xeración Sónica.
Para Álex Gayoso, a cantidade de concertos "denota o bo estado do proxecto musical e das bandas que viven do directo co difícil que é hoxe en día" e destacou as sinerxías que se foron creando arredor destes concertos, como a participación no o Vira Fest, un festival organizado pola Escola de Rock de Paredes de Coura.
Prestou especial atención ao proxecto Rager, que participou no documental ‘Bravú XXX', foi a un festival en Chantada e tivo algún contacto máis próximo ao profesional.