Un total de 62 persoas participarán na nova edición dos Premios Johan Carballeira.
O certame recibiu 53 poemarios e nove traballos xornalísticos que demostran que se trata dun referente a nivel galego ao incrementar ano tras ano as súas cifras de participación.
Tras o peche do prazo de presentación a finais de xuño, o xurado reunirase nas próximas semanas para avaliar os traballos e escoller aos gañadores, previsiblemente entre os meses de setembro e outubro.
Os premios están dotados con 2.500 euros en cada unha das dúas categorías e, no caso de poesía, inclúen ademais a publicación do poemario gañador na editorial Xerais.
Este certame naceu como homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués José Gómez de la Cueva, coñecido como Johan Carballeira, e tamén como inciativa para fomentar a creación en lingua galega.
Este ano alcanza o seu 29ª edición en poesía e a 23ª en xornalismo.
Na última convocatoria resultaron gañadores Eugénio Outeiro Lojo, con 'Réquiem', e a xornalista Cláudia López Morán, pola reportaxe 'Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume', publicado no suplemento Sermos Galiza de Nós Diario.
Ao longo da súa traxectoria, estes premios recoñeceron a autores e xornalistas de referencia como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico, Neves Neira, Antía Yáñez ou Lois Pérez.
En poesía, pola súa banda, distinguiu a figuras como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Emma Pedreira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde ou Arancha Nogueira.