A Biblioteca de Pontevedra e o Museo Massó súmanse ao Día do Libro online

Pontevedra
20 de abril 2020

A Xunta elaborou un programa de actividades a través da Rede, abertas á cidadanía co obxectivo de fomentar a lectura

Bueu
Bueu / PontevedraViva

O próximo 23 de abril, Día Internacional do Libro, será outra das datas marcadas no calendario que axustará a súa celebración ás restricións ás que obriga o estado de alarma. Con tal motivo a Xunta de Galicia previu un programa de actividades que pretende fomentar a lectura e que van desde concursos a través das redes sociais ata a edición dun libro colaborativo. Actividades ademais que se enmarcan na iniciativa #aculturasegue do goberno galego.

A Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola é unha das dotacións autonómicas que se suma a estas propostas, de forma que entre o 23 de abril e o 15 de maio ofrece na súa páxina web unha exposición virtual sobre 'Libros prohibidos' e na que se poderán ver títulos que foron censurados ao longo dos séculos.  

Os museos tamén se suman á data e un dos exemplos é do Museo Massó de Bueu que pon en valor os libros incunables. Así, a través do seu blogue e desde o xoves 23 poderase observar o 'Liber chronicarum' impreso en Núremberg no ano 1493.

Do mesmo xeito que en edicións anteriores, a Xunta toma parte do denominado bookcrossing; unha proposta de bibliotecas, museos e centros de arte nacionais mediante a que se deixan libros en lugares públicos, que os lectores recollen e volven deixar noutros emprazamentos. Dado que nesta ocasión as medidas de confinamento impídeno, previuse un bookcrossing virtual. Desta forma os centros participantes comparten online un libro para consultar ou descargar. A listaxe de bibliotecas participantes poderá verse a través da web da Biblioteca do Artium de Vitoria.