A destacada pianista Isabel Pérez Dobarro imparte unha masterclass dentro do ciclo 'Mulleres e inspiración'

Pontevedra
04 de xuño 2022

Tres alumnas e un alumno recibiron as ensinanzas desta pianista, que reside en Nova York, no Conservatorio de Música dentro do proxecto que promove a Orquestra Filarmónica Cidade de Pontevedra co Concello. Este domingo ofrecerá un concerto ás 19.30 horas no Pazo da Cultura

Masterclass de Isabel Pérez Dobarro Concello de Pontevedra

Catro estudantes de maneira directa e alumnado que acudía como oínte recibían este sábado os ensinos dunha das máis destacadas pianistas actuais Isabel Pérez Dobarro, que participa no ciclo 'Mulleres e Inspiración', que promove o Concello de Pontevedra e a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.

A masterclass desenvolvíase no auditorio do Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga. Tras a sesión, a pianista compostelá, residente en Nova York, explicaba que "hai futuro" entre o alumnado pontevedrés porque "tocaron e interpretaron moi ben" as pezas ao piano que ela foi seguindo.

Isabel Pérez Dobarro convidou a que estes novos talentos lle envíen as súas gravacións ou se conecten con ela a través de vídeo chamada para que sigan recibindo o asesoramento da artista. As tres alumnas e o alumno recibiron un diploma nun acto que presidía a concelleira Carme Fouces. 

Este domingo 5 ás 19.30 horas, Isabel Pérez Dobarro ofrecerá un concerto como solista no auditorio do Pazo da Cultura acompañada por integrantes femininas da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Neste recital estrearanse tres obras: WoOmen, de Mario Diz, sobre un tema de Brahms dedicado a Clara Wieck Schuman; 'El último adiós', de Julia Dopico Vale; e ' Lonxe do lar queridiño', de Carmen Díez. A directora á fronte da agrupación será Claudia Dubé, directora da Orquestra de Barcelona. 

As entradas atópanse á venda ao prezo único de cinco euros en Ataquilla e, en caso de non esgotarse, poderanse adquirir no Pazo da Cultura desde unha hora antes do inicio do concerto.