O vicepresidente da Deputación, César Mosquera fixo este xoves unha valoración do relevo de Carlos Valle na dirección do Museo de Pontevedra e explicou que o actual goberno decidiu manter de forma estrita o criterio xa existente de que todos os traballadores da Deputación se xubilen aos 65 anos, lembrando que durante este mandato se xa fixera así noutros departamentos como a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, onde se xubilou o seu director Pedro Mansilla aínda sendo unha eminencia mundial no seu ámbito.
Nun almorzo informativo con xornalistas, Mosquera sinalou que "ese foi o criterio que se utilizou. Sabemos que non gustou especialmente, pero así se fixo tamén con xente de moita valía que non se renovou", apuntou.
En canto ao futuro, Mosquera indicou que a Deputación está a traballar nas bases de selección para elixir a nova dirección a través dun concurso "por meritocracia pura e dura".
Destacou que a día de hoxe está decidido que o cargo non vai ser para unha persoa funcionaria de forma "eterna", senón que cada cinco anos haberá unha valoración do traballo para que "responda estritamente á liña do que se quere para o Museo: modernizalo".