A Praza de Ourense acolle unha mostra recompilatoria da evolución musical: 'Cantámola en galego'

Pontevedra
04 de maio 2021

O alcalde e o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, inuauguraban acompañados polos comisarios da exposición Teresa Cuíñas e Pepe Cunha esta mostra con 14 paneis onde se recolle unha escolma da música realizada en lingua galega. Pode visitarse durante todo o mes de maio na praza de Ourense e contará tamén con formato dixital e audible

Exposición musical 'Cantámola en galego'
Exposición musical 'Cantámola en galego' / Mónica Patxot

14 paneis mostran a evolución da música cantada en lingua galega durante as últimas décadas. Desde este luns pódese visitar esta exposición denominada 'Cantámola en galego' na Praza de Ourense ao longo de todo o mes de maio.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o concelleiro de normalización Lingüística, Alberto Oubiña, inauguraban a mostra que está comisariada polo crítico Pepe Cunha e a xornalista Teresa Cuíñas. A montaxe conta tamén con imaxes cedidas polas fotógrafas Beatriz Ciscar e Alba Sotelo.

Pepe Cunha sinalaba que existe un gran descoñecemento sobre a música interpretada en galego porque abundan os tópicos que relacionan o seu uso coa música tradicional ou con movementos combativos como o bravú. O crítico indicou que existen numerosas propostas musicais e que esta exposición permitirá poñelas en valor e difundilas entre o público. Cada panel recolle un estilo e tendencia.

Cunha insistiu en que cada vez existe máis oferta musical por internet en lingua galega e que nunha mostra deste tipo sempre faltarán artistas, pero indicaba que "todas as  propostas que están son imprescindibles". 

A xornalista Teresa Cuíñas foi a encargada de centrarse nas propostas locais relacionadas coa música dentro da mostra. Por este motivo, fixo un repaso de iniciativas como a traxectoria de Cantos na Maré na cidade, Culturgal, o Salón do Libro, Festivais como Surfing the Lérez e propostas de promoción musical como Cabos  Soltos ou o Galegote Rock, que permiten divulgar e recoñecer o traballo que se desenvolve en Pontevedra, que na maioría de ocasións parte da  tutorización de proxectos que se realiza no Local de Música, definido por Cuíñas como un "laboratorio de música e de socialización" entre a xente nova.

Segundo explicou o concelleiro responsable de Normalización Lingüística Alberto Oubiña, a exposición poderá visitar centros de estudo e outros espazos durante o próximo curso, ademais contará con folletos explicativos e versión dixital, a través dunha unidade didáctica, tanto en formato impreso como descargable a través do web do Concello, para alumnado de secundaria realizada pola escritora e filóloga Rosalía Fernández Rial. Tamén haberá a posibilidade de acceder á música que se recolle na mostra a través de plataformas como Spotify ou Youtube.