A viguesa Pilar Ortega, gañadora da cuarta edición do premio literario María Vitoria Moreno

Pontevedra
15 de setembro 2021

O xurado destacou da obra gañadora, O segredo de Al'eume,  "o sentido do humor fresco e a lectura áxil sostida por uns personaxes secundarios moi ben traballados que dotan a novela de verosemellanza e axudan a crear un personaxe principal potente" e tamén a introducción do patrimonio natural galego "dun xeito natural e sen imposturas"

Carmen Fouces, Andrea Jamardo e David Cortizo
Carmen Fouces, Andrea Jamardo e David Cortizo / Mónica Patxot

O Premio María Victoria Moreno de literatura infantil e xuvenil xa ten cuarta gañadora. Trátase da viguesa Pilar Ortega Pereiro, que se fixo co certame coa obra titulada O segredo de Al'eume, protagonizada por unha rapaza de 14 anos e ambientada en Pontedeume (A Coruña).

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, e os editores da editorial Cuarto de Inverno, Andrea Jamardo e David Cortizo, deron a coñecer o nome este mércores nunha comparecencia ante os medios na que non puido estar a autora gañadora porque se atopa confinada por mor da pandemia da covid-19. 

O libro presentarase no mes de novembro na Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, como xa resulta habitual desde a posta en marcha do certame hai catro anos para homenaxear á que, en palabras de Fouces, é "unha das escritoras máis salientables na literatura xuvenil da cidade". 

O xurado destacou da obra gañadora "o sentido do humor fresco e a lectura áxil sostida por uns personaxes secundarios moi ben traballados que dotan a novela de verosemellanza e axudan a crear un personaxe principal potente" e tamén a introdución do patrimonio natural galego "dun xeito natural e sen imposturas".

"Cremos que María Victoria Moreno ía estar moi contenta con esta obra que este ano se premia", destacou Fouces. David Cortizo engadiu que a gañadora era, entre todas as obras presentadas, "a que mellor representaba os valores e a cosmovisión de María Victoria Moreno"

Andrea Jamardo indicou que a personaxe principal, de 14 anos, sería "unha das personaxes que María Victoria incluiría nas súas novelas" e engadiu que se trata dunha obra "cunha lectura áxil, divertida", na que cada final de capítulo convida a seguir lendo. 

Fouces destacou tamén a súa ledicia por que a gañadora sexa unha muller porque "a visibilidade da muller na literatura aínda ten moito percorrido e é importante que estes premios teñan esa función tamén" e sinalou que a autora está vencellada á área da tecnoloxía, unha enxeñeira que exerce de docente, de maneira que non ten unha formación clásica vencellada á escrita, rompendo cos estereotipos que se relacionan habitualmente coa literatura.

O xurado estivo integrado por Andrea Jamardo e David Cortizo, Luz Gallego e Lorena Conde e tivo que valorar 16 obras presentadas, un número inferior ao ano anterior. A pesar da baixa produtividade, houbo unha alta calidade e destacan que todas as obras presentadas e as seis preseleccionadas polo xurado "tiñan calidade para gañar".