Amplo programa de actividades para resaltar a figura de Antón Fraguas, homenaxeado nas Letras Galegas 2019

Cerdedo Cotobade
22 de febreiro 2019

A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Antonio Fraguas Fraguas e o Consello da Cultura Galega porán en marcha diversas iniciativas ao redor do que foi membro das Irmandades da Fala

Presentación dos actos de recoñecemento da figura de Antón Fraguas Xunta de Galicia

Neste 2019, o Día das Letras Galegas estará dedicado ao investigador e profesor Antón Fraguas Fraguas e, por este motivo, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Antonio Fraguas Fraguas elaboraban unha programación de actos en diferentes campos desde o expositivo ao deportivo pasando polo empresarial ou o musical que axuden a coñecer a figura do que foi integrante das Irmandades da Fala.

Este venres presentábanse as distintas iniciativas nunha rolda de prensa en que se atopaba o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da RAG, Víctor Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Fundación Antonio Fraguas e presidente do Museo do Pobo Galego, Justo Beremendi e o presidente do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.

Entre outras actividades, está previsto que se leven a cabo xornadas de portas abertas, roteiros e funcións teatrais, ademais dunha VI Carreira Camiño das Letras, obradoiros, certames e sesión de narración 

Desta forma, no ámbito expositivo está prevista unha mostra central conmemorativa itinerante 'Antonio Fraguas, Memoria dun soño'. A exposición iniciará o seu percorrido na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela e comezará un percorrido que, entre outros puntos de Galicia, vai chegar a Cerdedo-Cotobade e Pontevedra.

Tamén están previstas outras 16 exposicións bibliográficas, artísticas, antropolóxicas e etnográficas nas principais capitais de Galicia.

A colectividade galega na emigración pechará un amplo conxunto de actividades que se celebrará ao longo de todo o ano con conferencias, feiras, exposicións, proxeccións audiovisuais, recitais e concertos.

Antón Fraguas, nado en Loureiro, municipio de Cerdedo-Cotobade, en 1905, foi membro do Seminario de Estudos Galegos e das Irmandades da Fala, ademais de director do Museo do Pobo Galego e Cronista Xeral de Galicia. Foi un defensor da lingua propia de Galicia como idioma válido para abordar calquera área do coñecemento.